Cultura e Educación participa na entrega do VI Premio de Narrativa Breve Repsol a María López Sández pola obra “A forma das nubes”

O secretario xeral de Política Lingüística recordou que “a meta común dos fitos presentes é situar a lingua e a cultura de Galicia nun lugar principal”

A Consellería colabora coa Real Academia Galega, coa Asociación de Escritores en Lingua Galega e mais coa Editorial Galaxia na organización deste certame

Xov, 29/11/2012 - 20:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán na entrega do VI Premio de Narrativa Breve Repsol, que nesta edición recaeu na luguesa María López Sández pola obra A forma das nubes.

No acto, que tivo lugar na sede da Fundación Paideia na Coruña, o secretario xeral estivo acompañado por César Gallo Erena, vicepresidente da Fundación Repsol e mais por Víctor F. Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia, quen editou a obra gañadora do certame. A encargada de conducir o acto foi Ana Nieto, delegada da Televisión de Galicia na Coruña. Os músicos Rosa Cedrón e Alex Blanco pecharon o acto cun recital de poemas galegos musicados da autoría de Rosalía de Castro, Federico García Lorca e Yolanda Castaño.

Situar a lingua e a cultura galegas nun lugar principal

Durante a súa intervención, García Gómez, destacou a importancia do Premio de Narrativa Breve Repsol e de todas as iniciativas semellantes posto que “neste mundo contemporáneo tan mutable, todos os fitos presentes son puntos de partida, nunca de chegada, para unha meta común que é situar a lingua e a cultura de Galicia nun lugar principal, co obxectivo de poñer un gran de area no avance da humanidade e para construír un  mundo mellor”.  “A literatura –engadiu– segue a ser o mellor antídoto contra a ignorancia, contra a intolerancia e contra a tristeza; e a lectura, o mellor método de inxección, inoculación e curación”.

O secretario xeral tamén lle deu o seu parabén á gañadora “un exemplo de persoa inqueda á que lle debemos á parte dun universo de ficción tan rico e logrado coma o que nos ofrece en A forma das nubes, un relato ensaístico sobre a nosa identidade, sobre a nosa verdade ontolóxica, que recolleu en Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio”.

O cambio da infancia á xuventude

A forma das nubesresultou gañadora de entre 41 orixinais que se presentaron nesta sexta edición do certame. O xurado, integrado por María Canosa, Dolores Vilavedra, Carlos Lema, Xavier Alcalá e Darío Xohán Cabana, describiu esta obra como unha peza intimista de temática psicolóxica que dá conta da viaxe interior dunha muller, no seu paso da infancia á xuventude.

O premio está dotado con 9.000 euros e mais a publicación da obra gañadora pola Editorial Galaxia. O premio fallouse e fíxose público o pasado 13 de setembro nunha conferencia de prensa na que participou Valentín García, en representación do departamento dirixido, en funcións, polo conselleiro Vázquez Abad.

A gañadora do certame

A luguesa María López Sández é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago (USC) e na actualidade é docente no instituto de educación secundaria Xulián Magariños de Negreira. Amais, é profesora asociada na Facultade de Ciencias da Educación da USC. O seu labor investigador centrouse na relación da literatura galega co imaxinario paisaxístico e co espazo urbano, no estudo da cartografía como semiótica do espazo. Froito da súa investigación é a obra gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2007, Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio, impulsado desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dependente da Xunta de Galicia.

Traxectoria do Premio de Narrativa Breve Repsol

Na primeira edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose co galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e coñecido xornalista, acadou un accésit por O insomnio dos centauros. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor. Na cuarta, en 2010, o premio foi para o escritor Xurxo Sierra pola súa obra Os fíos. A anterior, en 2011, gañouna Fernando Díaz Castroverde Gómez, por Microbios e outros paquidermos.

Menús News node R