Cultura e Educación ve recoñecido o Proxecto Abalar co premio ‘Protagonistas da Educación 2012’, da revista Magisterio
A publicación especializada outórgalle un dos seus galardóns anuais á estratexia da Consellería para a integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no sistema de ensino, que chega este curso xa a máis de 44.000 estudantes
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, viu hoxe recoñecido o traballo na posta en marcha e implantación do Proxecto Abalar co premio ‘Protagonistas da Educación 2012’. O galardón, outorgado pola revista Magisterio, valora o esforzo do departamento educativo da Xunta de Galicia para o desenvolvemento desta estratexia, que desde o curso 2010/2011 procura a integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no sistema educativo de Galicia. A entrega de premios celebrouse esta tarde en Madrid, e estivo presidida pola súa Alteza Real a Princesa de Asturias.
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, recolleu o premio en representación da Consellería, nunha cerimonia celebrada esta tarde en Madrid, na que se recoñeceu o labor educativo dunha decena de actuacións. Para outorgar este galardón, Magisterio salientou a colaboración da Consellería na mellora da educación española a través do Abalar, “que permitiu a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia, mellorando as competencias do alumnado, a innovación docente e a transferencia e intercambio de experiencias educativas entre os centros de ensino galegos”.
O Abalar chegará este curso ao seu terceiro ano de implantación, no que beneficiará a máis de 44.000 estudantes de 535 centros Abalar de toda Galicia. Isto supón que a implantación do proxecto xa chegou ao 50% dos centros escolares que imparten educación primaria e secundaria obrigatoria.
Valorar a tarefa de educar
Os Premios Protagonistas da Educación procuran salientar a vontade, esforzo e compromiso que persoas e institucións levan a cabo a diario nunha tarefa tan transcendente como é a de educar. Así, ademais das estratexia de implantación das TIC no ensino da Xunta de Galicia, nesta edición de 2012 foron galardoados a ‘World Innovation Summit for Education (WISE)’, iniciativa global que promove as boas prácticas en todo o mundo; o ‘Proxecto Superpadres’, que acompaña aos proxenitores durante todo o proceso educativo dos seus fillos; ‘Micropolix’, unha alternativa lúdica para educar; ou o mesmo Abalar. Así mesmo, resultaron tamén galardoados o programa ‘Prensa-escuela La Voz de la Escuela’, do Grupo Voz; e a FP Dual alemana, pola súa capacidade para mellorar a empregabilidade dos máis novos.
No que toca a institucións. foron premiados os diferentes programas educativos para a aintegración a inclusión e a normalización desenvolvidos pola ONCE; o Instituto de Enseñanzas a Distancia de Andalucía (IEDA), polo seu apoio á formación ao longo da vida; e a Federación Down España, polo seu extenso labor educativo a prol da integración do alumnado con necesidades educativas especiais. Con carácter individual, Magisterio outorgou un dos seus galardóns anuais a Sir William Atkinson, como referente de liderado educativo que conseguir que o instituto Phoneix High School pasara de ser un centro con altísimas taxas de abandono, a ser un dos institutos máis valorados do Reino Unido.
Asemade, a publicación concedeu dúas mencións especiais, unha ao colexio Ponce de León (Madrid), referente na educación de alumnas e alumnos con dificultades auditivas; e á docente Victoria Subirana, fundadora de ‘Pedagoxía Transformadora’, polo traballo realizado para a educación de rapaces con poucos recursos en Nepal.