Cultura e Educación potencia o Plan LÍA cunha nova liña que dotará de lectores electrónicos a bibliotecas de 25 centros escolares

A nova liña desenvolverá o proxecto piloto “E-Lectores nas bibliotecas escolares (E-LBE)

Darase prioridade aos colexios e institutos das zonas rurais, e valorarase de forma especial o compromiso da comunidade educativa co funcionamento da biblioteca

Mér, 28/11/2012 - 14:00
Ilust. Manuel Lariño, 2008
Ilust. Manuel Lariño, 2008

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nun esforzo extra para potenciar o plan LIA, dotará a 25 bibliotecas escolares de centros de ensino de Galicia de lectores electrónicos a través do proxecto piloto ‘E-Lectores nas bibliotecas escolares’ (E-LBE). Este novo eixo de actuación, que reforza os plans da Consellería nesta materia, busca que profesorado e alumnado coñezan de primeira man os novos soportes e dean conta das posibilidades que ofrecen para a mellora da competencia e dos hábitos de lectura entre os máis novos.

Trátase dunha nova liña para o reforzo da competencia lectora en formato dixital, enmarcada na estratexia posta en marcha polo actual Goberno galego para o fomento da lectura a través das bibliotecas escolares, o Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe). O obxectivo é apoiar aos centros educativos diante das transformación que se están a producir na forma de presentar os textos, en boa medida relacionadas coas novas tecnoloxías.

Deste xeito, a Consellería de Cultura e Educación continúa a desenvolver o Plan LÍA, no marco do cal xa se ten acadado que a rede de centros integrados no PLAMBE acade xa os 504 colexios e institutos- fronte aos 224 que había ao inicio da lexislatura-. Así mesmo, ao abeiro deste plan,desenvólvense numerosas liñas de actuación, entre as que destacan as actuacións de formación de profesorado - encontros e xornadas de bibliotecas escolares e clubs de lectura-, iniciativas como ‘Hora de Ler’ ou ‘Mochilas Viaxeiras’, ou o concurso de lectura en voz alta “Ler e escoitar”, celebrado por primeira vez no ano 2010.

Implicación da comunidade educativa

A Consellería seleccionará os 25 centros de entre os integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) que o soliciten antes do 10 de decembro, valorando especialmente o compromiso da comunidade educativa coa biblioteca como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, de acordo coa memoria presentada no curso 2011/2012 – ou co proxecto presentado para a súa incorporación no PLAMBE, no caso dos centros que se integraron este curso-. Así mesmo, darase prioridade aos centros instalados en zonas rurais, procurando unha distribución por todo o territorio galego.

Este proxecto piloto é unha oportunidade para que o alumnado teña acceso a estes recursos electrónicos, aínda en pleno desenvolvemento, e as diferentes experiencias lectoras que ofrecen. Do mesmo xeito, o profesorado poderá familiarizarse cos E-lectores e afondar nas súas posibilidades para o traballo na clase, para o préstamo e para o fomento do hábito lector entre os estudantes. A participación nesta iniciativa conleva o compromiso de colaboración con esta consellería á hora de valorar as posibilidades dos lectores electrónicos nas bibliotecas escolares.