O Trofeo Colorart, organizado pola Consellería de Educación e L’Oreal, premia ao alumnado do ciclo medio de perruquería

Os galardoadas foron os IES Laura Olmo e A Piringalla, e o CIFP de Someso

Mar, 04/05/2010 - 20:50

Alumnado do ciclo de grao medio de Perruquería foron hoxe premiados co Trofeo de perruquería Colorart, organizado de forma conxunta pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o departamento educativo de L’Oreal. Neste certame recibiu o primeiro premio o IES Lauro Olmo, de O Barco de Valdeorras (Ourense); o segundo o IES A Piringalla, de Lugo; e o terceiro o CIFP Someso (A Coruña). O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, asistiu á entrega de premios, na gala celebrada no IES Frei Martín Sarmiento, en Pontevedra, onde amosou a súa satisfacción polo alto nivel dos traballos exhibidos no certame, proba da excelente calidade da FP galega. Ao acto asistiron ademais o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

No concurso participou alumnado do ciclo de grao medio de Perruquería de centros educativos de toda Galicia. A competición constou de dúas probas. Na primeira delas, os participantes tiveron que realizar un traballo de corte e peiteado, mentres que o segundo traballo consistiu nun recollido artístico de estilo libre. Os centros gañadores recibiron como agasallo premios en metálico que serán destinados a formación, así como estadías formativas para os profesores responsables.

O Trofeo Colorart ten como obxectivo crear unha dinámica de competición profesional que se inicia no interior de cada centro. Deste xeito preténdese achegar aos estudantes ao mundo profesional da perruquería, vinculado neste caso ademais á I+d+i neste eido