Máis de 88.000 alumnos e alumnas galegos teñen acceso gratuito ao transporte para acudir ao seu centro educativo

O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, informou no Parlamento que este ano o servizo, distribuído en máis de catro mil rutas, ten un custo de 125,5 millóns de euros

Xov, 10/12/2009 - 08:45

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, informou na súa intervención de hoxe no Parlamento queneste curso a Xunta xestiona 4.034 rutas escolares que dan servizo a máis de 88.000 alumnos e alumnas. Todo isto a través de 2.368 vehículos contratados para tal fin por un custo anual de 125,5 millóns de euros.

Vázquez Abad lembrou na súa intervención que "o transporte escolar en Galicia presenta unha serie de características especiais que o converten no máis complexo e custoso do Estado español, pola nosa orografía, a dispersión da poboación, o clima e a estreitura das estradas. Isto supón un investimento con cargo ao orzamento de 2009 duns 125,5 millóns de euros, o que representa un 22% do gasto total do Estado en transporte escolar".

Ademais, o conselleiro recordou que este servizo pon un especial coidado nos casos de alumnos e alumnas con discapacidades, asegurándolles o seu dereito ao ensino sen atrancos. Neste sentido, a Consellería vén subscribindo contratos con empresas e asociacións que dispoñen de vehículos especiais, co obxectivo de prestarlles un transporte adaptado.

Todos eles contan, segundo o subscrito coa Consellería de Educación, coa figura do acompañante escolar que garante a seguridade no transporte escolar de menores, o que supón a contratación de 1.706 persoas.

Ordenación de transporte

Vázquez Abad incidiu na actual situación económica de crise que obriga a buscar medios cos que lograr unha mellor optimización dos servizos e medios públicos, o que é especialmente apreciable no ámbito do transporte escolar. "Como xa indiquei,- recordou o conselleiro- esta actividade representa un custo para as arcas públicas superior ao sufragado por calquera outra comunidade autónoma, polo que resulta inaprazable unha ordenación desta actividade que permita unha mellor optimización de recursos".

Por este motivo se modifican os contratos concertados pola Consellería de Educación para a prestación de servizos de transporte público regular permanente de uso especial de escolares a centros educativos públicos. Deste modo a bonificación de 7% no transporte escolar permitirá un aforro de 110 millóns de euros ao longo dos vindeiros dez anos, 40 deles na presente lexislatura. Un aforro que repercutirá nos servizos públicos, na calidade do ensino e na estabilidade do emprego no sector do transporte de viaxeiros.

Deste modo Xesús Vázquez Abad asegurou que dende a Consellería de Educación todos os estudantes galegos teñen garantido o acceso os centros de estudos de ensinanzas obrigatorias, e facilita a conciliación da vida familiar e laboral da familias.