O V Seminario de Dinamización Lingüística no ensino chega ás cidades de Pontevedra, Ourense, Ferrol e Santiago

Logo de pasar pola Coruña, por Vigo e por Lugo no mes de abril, o seminario que organiza Política Lingüística retomou esta tarde a súa programación

Mar, 04/05/2010 - 20:45

Logo do seu paso polas cidades da Coruña, de Vigo e de Lugo durante o mes de abril, o V Seminario de Dinamización Lingüística retomou esta tarde a súa programación nas cidades de Santiago de Compostela, de Ferrol, de Pontevedra e de Ourense.

Este ano, o Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino –dirixido ao profesorado, en xeral, e aos membros e coordinadores dos equipos de dinamización e normalización lingüística, en particular– centra a súa temática nas vantaxes das TIC para fomentar o uso do galego nos centros educativos. Por iso, unha das seccións do seminario –na que se está a afondar hoxe en Santiago de Compostela e mais en Pontevedra– incide nas posibilidades que ofrecen as aplicacións web 2.0 para promover o uso da lingua galega.

Outro dos obxectivos do seminario é a divulgación de experiencias pioneiras en dinamización lingüística que se están a desenvolver nos centros de ensino galegos. Na cidade de Ourense, as sesións desta tarde están centradas precisamente en dous proxectos de fomento do uso do galego. Por unha banda, a iniciativa Galegos e galegas de aquí e de acolá –do CEIP A Pedra, de Bueu–, un dos proxectos gañadores dos Premios á Innovación en Normalización e Dinamización Lingüística deste ano. Por outra, o proxecto Derrubando os muros das aulas: a radio escolar, do IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas.

Na cidade de Ferrol, Glòria Sanz i Pinyol inaugurou o V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino coa intervención “Ensinar a ler e escribir na era dixital”.

O seminario, que comezou o pasado 20 de abril nas cidades da Coruña, de Vigo e de Lugo, prolongarase en Ourense, Pontevedra e Ferrol os días 5, 6, 11, 12 e 13 de maio. Na capital galega continuará nos días 5, 6, 11, 12 e 18 deste mes.

Menús News node R