Os centros educativos incrementan a calidade das súas iniciativas para promover o uso da lingua galega

Así se desprende da valoración dos proxectos que este ano recibiron as axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Mar, 04/05/2010 - 16:45

As actividades que actualmente se están a realizar desde os centros educativos para fomentar o uso da lingua galega incrementaron a súa calidade respecto do pasado curso escolar. Así se desprende da valoración global dos proxectos que este ano reciben as axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística destinadas a promover a lingua galega desde o ámbito educativo.

Cada un dos proxectos presentados a esta convocatoria de axudas recibe unha determinada puntuación en función dos parámetros establecidos na convocatoria, que se manteñen idénticos ás de anos anteriores, tanto nos criterios de valoración dos proxectos coma nos de repartición das axudas concedidas. Na convocatoria de axudas para o presente curso escolar, o número total de puntos dos proxectos presentados foi de 15.050, 1.274 puntos máis que na anterior convocatoria.

Novos proxectos acadan a máxima calidade e a máxima contía económica

Tal como sinala o punto 12 da convocatoria, os centros que acadan 20 ou máis puntos na calidade do proxecto, e teñen máis de 50 alumnos matriculados, reciben automaticamente a asignación máxima: 2.500 euros. O resto da partida económica divídese entre o número total de puntos acadados polos proxectos presentados en toda Galicia.

Na presente convocatoria, sumáronse novos proxectos á maxima calidade e á máxima contía, 2.500 euros. Como o CEIP Galán Arteixo, que pasou de 1.398 euros a 2.500 euros; o CPI Vicente Otero de Carral, que o ano pasado levara 1.643 euros; o IES nº1 de Ordes, que incrementou as axudas en 1.315 euros; o IES Porto do Son, ao que se lle outorgaran para o pasado curso 1.643 euros; ou o CEIP Igrexa-Valadares, que pasou de 1.161 euros a 2.500 euros.

Outros centros mantiveron a máxima puntuación canto á calidade do proxecto e á contía, como o IES Félix Muriel de Rianxo, o IES de Melide e o IES Rosalía de Castro de Santiago.

Os criterios para a avaliación das iniciativas

Para a asignación das achegas económicas a cada proxecto presentado, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tivo en conta diversos aspectos. Os principais criterios que centraron a avaliación foron a orixinalidade das propostas, a potenciación das competencias lingüísticas –especialmente as orais– e a utilización de novas tecnoloxías. Outros factores relevantes foron o fomento da colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro para promover o uso da lingua galega na contorna, así como a colaboración con outros centros educativos na realización de actividades. O número de estudantes aos que se dirixe o proxecto e a implicación activa dos membros da comunidade educativa nas actividades propostas constituíron outros aspectos de interese na valoración das iniciativas dos equipos.

Este ano, e por primeira vez, facilitóuselles aos equipos información para a elaboración dos proxectos de fomento do galego desde a páxina web de Política Lingüística, onde están dispoñibles os modelos dos traballos mellor valorados en anos anteriores e a iniciativas destacadas dos centros educativos, así como a recomendacións para deseñar un bo proxecto de dinamización.

A resolución da convocatoria de axudas

O pasado mes de abril, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo anunciou a resolución da convocatoria destas axudas para o curso escolar 2009-2010, que ascende a un total de  878.000 euros. Para o desenvolvemento correcto das súas funcións, os ENDL deben coñecer, canto antes, os criterios que rexerán a convocatoria das axudas de cada curso académico, así como o orzamento co que contarán para a realización dos seus proxectos. Por iso é intención da Secretaría Xeral de Política Lingüística conseguir unha mellora sistemática nos prazos que se veñen dando nos últimos anos e que supuxeron, como no curso 2006-2007, que non se comunicara a resolución das axudas ata o mes de xuño.

Menús News node R