O conselleiro de Educación visita as aulas reformadas no IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela

A obra enmárcase dentro dun plan director impulsado pola administración educativa que inclúe a recuperación e mellora das instalacións iniciais

Mar, 04/05/2010 - 13:30
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad co dir
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad co director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda Soto

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a segunda parte das reformas que se están acometendo no IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, dentro do Plan Director para a mellora das instalacións.

Vázquez Abad percorreu as instalacións recen remodeladas acompañado polo director do centro, Ubaldo Rueda, así como membros da administración local. O conselleiro destacou que “con estes labores de rehabilitación estamos a dar ás alumnas e alumnos a posibilidade de ter unhas modernas instalacións sen perder a historia dun recinto escolar tan importante como é o Rosalía de Castro para os composteláns e para a calidade educativa en xeral”.

Plan director

O conselleiro percorreu hoxe unha aula de 2º de bacharelato, outra de 4º de ESO e a de plástica, empregada por todos os estudantes. Estes espazos foron reformados para que recuperasen o seu esplendor orixinal. Deste modo pódense ver as vigas de preto de 400 anos, pintadas de branco, do mesmo modo que se encontraban no seus principios.

Con esta obra continúase co traballo iniciado no 2009, cando se rehabilitou o claustro e o artesonado orixinal dun edificio que data do 1629. Trátase dunha construción cadrada desenvolvida en plantas baixa e alta, dispostas arredor do claustro interior de 25 metros cadrados. Ata o momento xa está investido preto do 75% do orzamento previsto para a execución do plan director no IES Rosalía de Castro, cuxo total ascende a 785.333 euros.

A última fase do plan director serán os arranxos no interior da fachada do IES Rosalía de Castro, e outras aulas do centro. Unhas obras que están á espera de recibir as licencias precisas e que se confía ter rematadas para o vindeiro curso escolar.

Ciencia en acción

Coas obras rematadas o IES Rosalía de Castro acollería a celebración da XI edición de ‘Ciencia en Acción’, un dos principais concursos científicos españois que o ano pasado congregou a máis de 15.000 participantes. Para participar neste encontro a data de inscrición remata o 15 de maio, e nesta edición terá unha incidencia especial xa que este  encontro científico, tecnolóxico e cultural cobra unha especial relevancia no presente ano Xacobeo.