Cultura e Educación participa na XXII edición da entrega dos premios San Martiño de normalización lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística recoñeceu o traballo de Ramón Campos Suárez, de Treixadura e de Francisco Novoa Rodríguez, galardoados nesta ocasión polas súas achegas a prol da dinamización do galego

Xov, 15/11/2012 - 21:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colaborou un ano máis nos premios San Martiño de Normalización Lingüística, que hoxe foron entregados aos tres galardoados nun acto que se desenvolveu no Teatro Principal estradense, e no que estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Na XXII edición destes premios -promovidos desde a Asociación Cultural O Brado e apoiados pola Consellería que dirixe, en funcións, Xesús Vázquez Abad- os premiados foron Ramón Campos Suárez, Treixadura e Francisco Novoa Rodríguez en recoñecemento o seu labor a prol da promoción do idioma propio de Galicia.

No acto de entrega participaron, canda o secretario xeral, José López Campos, alcalde da localidade e Xosé López Vilariño, presidente da asociación organizadora. A encargada de conducilo foi María Jesús Fernández Bascuas, presidenta do Recreo Cultural da Estrada.

‘A Estrada e Comarca Terra de Montes’

Os Premios San Martiño recoñecen o compromiso coa lingua galega en tres modalidades diferentes. Na primeira delas o galardón recibiuno Ramón Campos Suárez, polo seu traballo a prol do fomento do galego na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Valentín García destacou del “o importante papel dinamizador que vén desenvolvendo desde hai máis de 30 anos desde o exercicio do sacerdocio, así como desde a súa faceta como docente de ensino secundario”.

Cómpre recordar que Campos Suárez é o titulardas parroquias estradenses de Santa Cristina de Vea, Cora, Santeles, Paradela e Aguións. Nas dúas primeiras leva oficiando misas desde 1978, ano no que asumiu ademais docencia no IES Manuel García Barros, ata a súa xubilación no ano 2007. Este licenciado en Teoloxía, nado en Portela (Cuntis) fixo sempre uso da lingua galega tanto nos oficios coma na docencia.

‘Galicia Enteira’

Baixo a modalidade “Galicia Enteira” foille outorgado o premio ao grupo de música tradicional galega Treixadura, que centra a súa actividade no canto e na gaita e que na actualidade está conformado por cinco músicos -Treixadura Gaiteiros- e dez voces -Orfeón Treixadura-. Trátase dun proxecto que pretende incitar ao baile, ao canto colectivo, á escoita e a sentir e gozar o patrimonio musical galego.  En palabras de García Gómez “Treixadura é unha referencia imprescindible no panorama musical galego de todos os tempos, tamén como axente dinamizador da lingua e da cultura tradicional galegas”.

‘Toda unha vida’

Finalmente, o representante de Cultura e Educación entregoulle o premio polo seu labor a prol da normalización ao longo de toda unha vida a Francisco Novoa Rodríguez, en virtude da súa contribución ao reencontro de economía e cultura galegas, nomeadamente coa lingua galega.

Este galardoado é responsable do grupo empresarial Academia Postal, que conta na actualidade con 150 manuais formativos editados en lingua galega. O gañador leva, tamén, toda unha vida expresando o seu galeguismo por medio da participación en diversas entidades culturais vencelladas á normalización do idioma, como o foro Enrique Peinador -co obxectivo de galeguizar o ámbito empresarial-, a asociación Álvaro das Casas -que promove os premios Bacelos de Prata para fomentar o uso do idioma na etiquetaxe dos viños galegos-, a convocatoria do premio de arquitectura tradicional Manuel Gómez Román ou a asociación Amigos do Castelo de Maceda.

García Gómez apuntou a Francisco Novoa como “exemplo de boa xestión na galeguización do ámbito empresarial e continuísta de empresarios galeguistas destacados, como o propio Enrique Peinador, Isidro Parga Pondal ou Obella Vidal.

Menús News node R