Xesús Vázquez Abad asiste á celebración do 150 aniversario da fundación do primeiro instituto de secundaria na Coruña
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, recordou que os actuais IES Eusebio da Guarda e Salvador de Madariaga naceron do orixinario Instituto Herrerías
O conselleiro en funcións de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe pola tarde aos actos de celebración do 150 aniversario da apertura do primeiro instituto de secundaria da Coruña.
Nun acto celebrado no Paraninfo do IES Eusebio da Guarda o conselleiro recordou que “hoxe fanse cento cincuenta anos desde que se promulgara a Real Orde de 13 de novembro de 1862, na que se lle daba o impulso definitivo á fundación do que se deu en chamar Instituto Herrerías (pola rúa na que se erixiu daquela). O primeiro centro de educación secundaria da Coruña, onde había un clamor popular que reivindicaba o dereito á educación secundaria, e que resultou na creación daquel Instituto Herrerías”. Cómpre recordar que dito instituto deu nos IES masculino e feminino, e que na actualidade son os Salvador de Madariaga e Eusebio da Guarda, respectivamente.
A importancia da docencia
Sobre estes dous IES Vázquez Abad recordou que “teñen saído ilustres personaxes públicas, ademais de milleiros de excelentes profesionais, que devolven á sociedade o que esta lles brindou, dedicados a educar”, ao tempo que destacou a importancia da educación sinalando que “non se educa só nas aulas, senón con todo o que se fai, con todo o que se transmite, sexa desde a docencia, desde o desenrolo capaz e esforzado do traballo de cadaquén ou como responsable dunha familia”.
Vázquez Abad estivo acompañado polo delegado do Goberno, Samuel Juárez; a delegada da Xunta da Coruña en funcións, Camino Triguero; o xefe territorial de educación da provincia, Indalecio Cabana, os directores dos IES Eusebio da Guarda e Salvador de Madariaga, Isabel Ruso e Carlos González respectivamente; o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e o catedrático de Lingua Española e ex alumno do IES Salvador de Madariaga, Guillermo Rojo Sánchez, entre outros asistentes e participantes.
Os centros homenaxeados
Ambos centros coruñeses pertencen á rede Mupega de Institutos Históricos xunto ao Xelmírez I, en Santiago; o Lucus Augusti en Lugo; o Sánchez Cantón de Pontevedra; e o Otero Pedrayo de Ourense. Todos eles centros son centros que abriron as súas portas no século XIX e foron dotados de fondos acordes coa lei Pidal. Entre estes fondos destacan pezas de alto interese museístico, histórico e pedagóxico, obxectos únicos en España de valor incalculable valor, mapas, globos terráqueos, labores en taxidermia, trebellos de medición, balanzas de precisión e outros aparellos.
Na actualidade
Cómpre destacar que o IES Eusebio da Guarda, dirixido por Isabel Ruso, conta no presente curso escolar con máis de 1.200 estudantes que realizan estudos de bacharelato, ciclos formativos, ESO, programadas de cualificación profesional e estudos para adultos. Trátase dun centro plurilingüe que conta cunha sección bilingüe en inglés e cun auxiliar de conversa procedente de Canadá.
Pola súa banda o IES Salvador de Madariaga, con Carlos González na dirección, ten matriculados preto de oitocentas alumnas e alumnos participa por segundo ano no Proxecto Abalar, e no presente ano ten un auxiliar de conversa estadounidense, e conta con seccións bilingües na ESO e bacharelato.