Vázquez Abad inaugura o curso 2012/2013 da UNED en Ourense destacando os 40 anos de traxectoria destas ensinanzas
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións participou no acto de apertura do novo ano escolar
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe no acto de inauguración do curso académico 2012/2013 no centro asociado da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Ourense, a importancia da oferta educativa desta institución académica, “como saben, a segunda en todo o mundo que permite o accesoa estudos superiores a persoas que, de outro xeito, terían moi difícil facelo”.
Lembrando o 40 aniversario da UNED sinalou que esta universidade “chega á madurez cunha posición de liderado e referencia mundial na educación a distancia da que todos debemos sentirnos moi orgullosos”. Neste sentido salientou ademais que “desde os seus inicios posibilitou o achegamento de dous mundos tan aparentemente antagónicos como o rural e o universitario. E contribuíu á incorporación da muller á formación superior e, por extensión, ao mercado de traballo”.
O titular en funcións do departamento educativo da Xunta de Galicia estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense e a xefa territorial da Consellería na provincia, Rogelio Martínez e Mercedes Gallego respectivamente.
Durante a súa intervención agradeceu o traballo desenvolvido polos docentes e sinalou que “gustaríame subliñar e agradecer o excelente traballo, a entrega e o compromiso deses equipos docentes. Un profesorado que, a pesar do incremento das súas responsabilidades, non perde a ilusión, a capacidade de traballo e a implicación co seu alumnado. Porque para o estudantado da UNED, ao igual que para o resto dos estudantes universitarios, os docentes son a pedra angular da súa formación, que se completa, iso si, co uso de plataformas virtuais e audiovisuais”.
Asemade Vázquez Abad destacou que este curso “doulle a benvida ao proxecto de UNED Aberta que empeza este curso e que pretende poñer en valor o traballo feito ao longo de todos estes anos, así como ampliar a oferta de contidos e cursos dispoñibles, non só para o noso alumnado, senón para calquera usuario de Internet”.
Participantes
A inauguración do curso comezou coa lectura da Memoria Académica do curso 2011/2012 polo profesor do centro asociado Julio Prada Rodríguez, a continuación do que a decana da Facultade de Empresariais da UVigo e titora da UNED-Ourense, Elisa Alén, impartiu a lección inaugural baixo o título Turismo Termal.
En representación dos novos titulados da UNED-Ourense interveu Purificación Martín, quenda de intervencións que continuaron o propio conselleiro; o alcalde de Ourense e vicepresidente do Consorcio do Centro Asociado, Agustín Fernández; o presidente do devandito consorcio, José Manuel Baltar; e o vicerreitor de Centros da UNED, Antonio Fernández.
O acto pechouse coa entrega de diplomas a unha representación das alumnas e alumnos que remataron os seus estudos neste centro asociados, e coa actuación da coral Camerata Auriense, coa que se entoou o Gaudeamus Igitur para dar por inaugurado o novo curso académico.