Galicia achégase á tendencia europea en Formación Profesional ao rexistrar un incremento do 37,7% do alumnado matriculado nos últimos catro cursos

Este curso optan pola FP o 60,53% dos alumnos do ensino postobrigatorio, un 8,67% máis que no 2008/2009, mentres que o 39,47% escolle cursar Bacharelato

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolveu ao longo da lexislatura unha estratexia de impulso da FP que remata coa matriculación este curso de 13.095 estudantes máis que no 2008/2009

Ven, 19/10/2012 - 11:19

Con case a totalidade dos datos de matriculación en ciclos de Formación Profesional no curso 2012/2013 recompilados, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria confirma que estas ensinanzas seguen a gañar peso no sistema educativo galego. De feito, a comparativa dos datos cos do 2008/2009 amosan un incremento de 13.095 estudantes na FP, un 37,7% máis, nos últimos catro cursos, froito do interese crecente da cidadanía polos ciclos formativos. Cómpre sinalar, a este respecto, a importancia da estratexia desenvolvida polo departamento educativo da Xunta de Galicia para o impulso e posta en valor da FP como un sistema de oportunidades, tanto para o acceso ao mundo laboral como para a cualificación e formación ao longo da vida das persoas adultas.

Deste xeito, Galicia achégase á tendencia da Unión Europea, ao incrementar o número de alumnas e alumnos que se decantan pola FP fronte aos que escollen o Bacharelato. Ao longo destes catro cursos a porcentaxe de estudantes que se matriculan na FP medrou nun 8,67% - do 51,86% do curso 2008/2009 ao 60,53% do 2012/2013-, mentres que a dos que escollen o Bacharelato diminuíu do 48,14% do 2008/2009 ao 39,47% de 2012/2013.

Impulso da FP

Esta tendencia vén a ratificar o axeitado das diferentes actuacións desenvolvidas pola Consellería arredor da Formación Profesional nos últimos catro cursos, entre as que destaca a implantación por primeira vez en Galicia da FP a distancia, fundamental para favorecer o acceso das persoas adultas a unhas ensinanzas que lles permiten obter unha titulación oficial, en especial as traballadoras ou con persoas ao seu cargo.

Así mesmo, cómpre salientar o reforzo no número de prazas ofertadas para iniciar estas ensinanzas, que se incrementaron ata as 23.623 en centros públicos no curso 2012/2013, un 18,32% máis que no ano académico 2008/2009; ao que contribuíu a creación de 7 novos Centros Integrados de Formación Profesional. O conxunto da oferta educativa en FP, contando tamén o ensino concertado e privado, ascende este curso a 26.156 prazas, un 13,84 % máis que no 2008/2009.

Ademais, e para garantir que o alumnado galego conta cuns plans de estudos de FP axeitados ás demandas dos sectores socioprodutivos e do mercado de traballo galegos, a Consellería ten adaptado xa os currículos de 62 ciclos formativos.

Curso 2012/2013

No curso 2012/2013 cursarán estudos de FP en Galicia 47.841 alumnas e alumnos. Deles, 34.584 están matriculados en ciclos formativos no réxime ordinario, dos que 16.695 cursarán ciclos de grao medio e 17.619 de grao superior.

No réxime presencial para adultos están matriculadas 6.871 estudantes, 3.557 en grao medio e 3.314 en grao superior. Pola FP a distancia optaron 2.365 persoas, das que 1.065 se matricularon en grao medio e 1.300 en grao superior. Ademais, 4.021 alumnas e alumnos cursarán estudos de formación profesional en Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI).

O incremento co curso anterior, de case o 12%, pode observarse na seguinte táboa:

 

   Curso 2011/2012

   Curso 2012/2013

Réxime ordinario presencial

   31.973

   34.584

Réxime modular adultos presencial

   5.839

   6.871

Réxime modular a distancia

   935

   2.365

PCPI

   3.972

   4.021

TOTAL

   42.719

   47.841