Alumnado galego participará nun intercambio de estudos na Bretaña francesa a través dun proxecto do programa ‘Comenius Regio’ coordinado pola Consellería de Cultura e Educación
As autoridades bretonas que participan neste proxecto europeo visitaron esta semana Galicia
Desta forma a Consellería aposta por que as alumnas e alumnos coñezan a realidade e o sistema educativo de outros países, o que contribúe a fomentar o espírito multicultural e plurilingüe no marco da Unión Europea
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a coordinar o proxecto “Échangeons notre échange scolaire”(“Intercambiemos o noso intercambio escolar”), no marco do programa europeo ‘Comenius Regio’, ao abeiro do que alumnas e alumnos do IES Neira Vilas (Oleiros, A Coruña) e do IES Monte Neme (Carballo, A Coruña) participarán nun intercambio de estudos na Bretaña francesa.
No proxecto de intercambios, ademais da Consellería e os devanditos IES, están implicados o Collège Notre Dame de Némimur de Vannes, a Asociación de Profesores de Francés, o Concello de Vannes, da Bretaña francesa e o Comité Bretaña - Galicia.
Os organizadores bretóns da cidade de Vannes que participan nesta iniciativa visitaron esta semana Galicia. No transcurso desta viaxe, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López, recibiu a unha representación dos participantes neste proxecto, entre os que se atopaban a concelleira de Educación do concello de Vannes, Latifa Baktous, a profesora do Collège Notre Dame de Némimur de Vannes, Catherine Le Blay, e o presidente do comité Bretaña Galicia, Pierre Joubin. Pola parte galega ademais do director xeral, estiveron presentes no encontro, a directora do IES Monte Neme de Carballo, Ana Mª Alcalá Navarro e o director do IES Neira Vilas de Oleiros, Agustín Fernández Gago. Tamén asistiron Carlos Vidal e Sandra Rodríguez Nieto, como representantes da Asociación de Profesores de Francés.
Multiculturalismo
Durante o encontro, o representante do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a satisfacción que supón para a Consellería que estudantes de outros países compartan vivencias cos galegos, o que redunda nun claro beneficio para ambas as partes. Non en balde, Cultura e Educación aposta, ao coordinar este proxecto, polo intercambio como modo de coñecer a realidade e o sistema educativo de outras nacións, o que contribúe a fomentar o espírito multicultural e plurilingüe no marco da Unión Europea, precisamente un dos principais obxectivos do ‘Comenius Regio’.
O obxectivo deste proxecto é, de feito, elaborar un modelo e unha plataforma para difundir e promover os intercambios escolares entre Galicia e a Bretaña francesa, un modelo que buscan exportar tamén para outras rexións, tal e como sinalan no seu propio blogue http://galiregio.blogspot.com.es/