A Xunta de Galicia comprometeu só no segundo semestre de 2009 un investimento de preto de 28 millóns de euros coas Universidades galegas ata 2012

As distintas consellerías asinaron convenios para impulsar a actividade do Sistema Universitario de Galicia

Xov, 29/04/2010 - 17:00

As distintas consellerías da Xunta de Galicia, no segundo semestre de 2009, comprometeron uns investimentos de preto de 28 millóns de euros ata 2012 coas universidades galegas, co fin de seguir colaborando ao seu desenvolvemento. Ademais, durante os últimos seis meses do ano pasado, o Sistema Universitario de Galicia recibiu achegas directas a través de distintos convenios asinados cos departamentos da Xunta de Galicia.

Segundo un informe elaborado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, só no segundo semestre de 2009 a Xunta de Galicia comprometeu –fóra do Plan de Financiamento- achegas a través de 83 convenios, destinados a proxectos de investigación, subvencións á formación de alumnos universitarios, realización de traballos técnicos, colaboración en programas, e á realización cursos, másters e congresos impartidos polas universidades galegas.

Con estas achegas, a Xunta de Galicia continúa a impulsar o desenvolvemento do Sistema Universitario de Galicia (SUG), mediante investimentos que contribúan a incrementar a excelencia e calidade do ensino superior galego.

Para este fin, a Consellería de Educación vén planificando desde 1990 os investimentos no SUG. Unha acción que comezou co primeiro Plan de Financiamento para o período 1990-1996, e que está a piques de dar un novo paso adiante co proceso de elaboración do próximo Plan de Financiamento 2011-2015, no que nestes momentos está a traballar a Consellería para acadar o máximo consenso posible cos demais axentes implicados.