Educación continuará a traballar pola mellora da calidade no sistema educativo galego

Xesús Vázquez Abad, fixo hoxe balance da súa seu primeiro ano de goberno

Mér, 28/04/2010 - 13:36

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo hoxe balance do seu primeiro ano á fronte deste departamento, unha xestión na que destacou a forte aposta polas políticas sociais, sempre na busca da calidade do sistema educativo galego; e pola incorporación das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs) e do coñecemento das linguas estranxeiras. Vázquez Abad comprometeuse ademais a seguir traballando “para que a educación sitúe aos galegos e galegas entre os cidadáns máis capacitados e máis competitivos, tanto na súa formación académica, como na súa actitude como cidadáns e cidadás”.

Desbloqueo do sistema educativo

Durante a súa intervención, o conselleiro de Educación fixo un repaso das principais iniciativas postas en marcha polo seu equipo, lembrando ademais o esforzo feito para sacar adiante cuestións que o anterior goberno tiña sen desenvolver, e que dificultaban o inicio exitoso dun novo curso escolar. Neste sentido, Vázquez Abad destacou que a actual Consellería aprobou o Decreto de Educación Infantil, regulando por primeira vez en Galicia esta etapa educativa.

Así mesmo fixo mención aos decretos de Regulamento Orgánico de Escolas Oficiais de Idiomas, conservatorios, escolas de arte e deseño e centros integrados de Formación Profesional; que saen agora adiante, despois de estaren sen desenvolver tras a aprobación da Lei Orgánica de Educación, en 2006. A Formación Profesional, xa ten 20 ciclos formativos adaptados nesta lexislatura e os únicos 6 modificados polo goberno anterior harmonizados co novo decreto de FP. Ademais, implantáronse acordes co Espazo Europeo de Educación Superior, 70 novos títulos de grao fronte aos 5 aprobados polo Bipartito; cifras que avalan o bo facer do departamento educativo.

Neste mesmo sentido, o conselleiro lamentou a falta de responsabilidade de quen asumiu en 2008 competencias como a homologación de títulos estranxeiros de estudos non universitarios. Unha competencia, dixo, “que asumiron, pero sen que puxeran medios persoais ou materiais algúns para sacala adiante, polo que cando chegamos á Consellería non se tiña tramitado nin un só dos preto de 1.500 expedientes pendentes. 1.500 persoas que estaban na estacada, xa que non debemos esquecer que o dispor da correspondentes validación dos estudos realizados no estranxeiro é unha esixencia pra entrar no mundo laboral”. Porén, este equipo resolveu xa o 70% das solicitudes, dando resposta á necesidade destes cidadáns de incorporarse a un traballo acorde á súa formación, e incorporándoos como uns valiosos recursos humanos para a construción da Galicia do mañá.

Política social

Vázquez Abad destacou o compromiso de seguir a incrementar o número de prazas nos comedores escolares, que aumentou xa neste curso en 2.500 comensais máis, malia ao importante déficit de millóns de euros que deixara nestas partidas orzamentarias –así como en outras- na lexislatura anterior. Foi precisamente outra das iniciativas sociais de Educación, a ‘Gratuidade Solidaria’, a que permitiu unha mellor xestión dos recursos económicos, coa que poder mellorar os servizos educativos complementarios.

Tamén no transporte escolar demostrou a eficiencia a Consellería, que logrou unha redución do 7% no prezo deste servizo, grazas a un concerto-marco coas asociacións e federacións de transportistas que prestan este servizo en Galicia. Grazas a isto, Educación destinará máis recursos aos comedores escolares, creando novas prazas; e mellorará outros plans, destacou o conselleiro “como é o caso do ABALAR, a estratexia de implantación das TIC no sistema educativo, que non tiña partidas presupostadas cando chegamos á Consellería, e ao que lle demos un forte impulso, cun plan propio que supera as expectativas do ofrecido polo Ministerio”.

Así mesmo, Vázquez Abad incidiu no traballo que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Universidades para paliar o impacto da crise económica sobre o alumnado. Neste sentido, recordou a conxelación en 2009 das taxas na Universidade, “para que todos puidesen acceder a esta formación a pesar da crise”, e mantemento da oferta de bolsas e premios á excelencia académica. “Demostramos así o noso compromiso coa formación do alumnado, un dos nosos maiores capitais humanos; e facémolo en contraste coas iniciativas do goberno anterior, que permitiu unha suba media das taxas do 4,3% nos últimos anos”, explicou. Ademais, a Consellería incrementou nun 17% a bolsa de axudas para os estudantes que se ven afectados por causas sobrevenidas, como pode ser a perda ou enfermidade grave dos proxenitores. “Deste xeito - engadiu Vázquez Abad- queremos conseguir que estes alumnos e alumnas non se vexan obrigados a abandonar as súas carreiras, e continúen a formarse para constituír o capital humano de futuro da sociedade galega”.

Retos de futuro

Unha vez superadas as eivas herdadas, o equipo da Consellería continúa a traballar “agora cando a Educación debe ser o motor para cambiar Galicia”, destacou Vázquez Abad. No futuro máis inmediato, o conselleiro fixo fincapé nos retos que supoñen a estratexia de implantación das TIC no sistema educativo a través dun proxecto propio e adaptado á realidade galega, o ABALAR; así como a completa implantación do Espazo Europeo de Educación Superior.

Por outra banda, Vázquez Abad lembrou o seu compromiso co fomento da lingua galega, a través das distintas iniciativas desenvolvidas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, entre as que se encontran a creación da primeira rede de dinamización lingüística, ou a promoción do galego nos sectores sociais prioritarios.

Ao mesmo tempo, a Consellería de Educación vai impulsar a aprendizaxe das linguas estranxeiras, como ferramenta fundamental para que os galegos e galegas poidan competir en igualdade de oportunidades no mundo globalizado. Con este obxectivo, incrementouse o número de seccións bilingües en centros educativos, e o de escolares beneficiados polas estadías no estranxeiro, que presentan este ano o programa máis completo desde que comezaran, grazas á posibilidade de acceder a un poboado inglés, e a que os estudantes permanecerán nun centro educativo de Irlanda ou Canadá no mes de setembro, seguindo un proceso formativo análogo ao dos escolares dese país. Ademais, o Plan de Potenciación das Linguas que está a preparar a Consellería apostará pola formación desde as etapas máis temperás, do profesorado, e de todos os cidadáns e cidadás ao longo da vida.

Vázquez Abad anunciou tamén a posta en marcha dun novo Plan de Bibliotecas, “co que daremos pulo á lectura, unha das estratexias nas que máis éxitos está a sementar a Consellería, e na que é un referente para outras Comunidades Autónomas”; así como dunha lei de autoridade do profesorado, “coa que imos devolverlle aos docentes o papel que lles corresponde como transmisores de valores aos estudantes e á sociedade”.

“Xa estamos a preparar novas iniciativas non xa só para mellorar a calidade do noso sistema educativo, senón para acadar a excelencia, para construír un novo sistema educativo en Galicia sobre as bases da excelencia, a calidade, o esforzo e a superación”, resumiu o conselleiro