O Consello da Xunta aproba o convenio de colaboración entre Educación e a FEGAMP para o fomento do uso do galego na Administración local

As axudas contribúen a sufragar as actividades en materia de normalización lingüística realizadas nas entidades locais galegas

Xov, 03/12/2009 - 10:30

O Consello da Xunta autorizou hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), para realizar actividades en materia de normalización lingüística nas entidades locais de Galicia. O investimento será dun máximo de 602.668 euros, correspondentes á partida dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A achega da Xunta de Galicia vaise destinar a financiar a prestación de servizos de normalización lingüística por parte das entidades locais e á organización de programas de dinamización lingüística. O fin último a que se comprometen os asinantes do acordo é a impulsar o proceso normalizador do galego como principal lingua de traballo e comunicación dos funcionarios no seo da Administración local e provincial.

Ao abeiro deste convenio poderán financiarse os gastos en que tivesen incorrido os servizos locais de normalización lingüística destinatarios, como consecuencia da realización das actividades de fomento do galego previstas, aínda que se teñan efectuado con anterioridade á sinatura do acordo, pero sempre que se trate de gastos correspondentes ao actual exercicio económico. Deste xeito tense en conta o importante custo que esta tarefa supón, difícil de manter de forma unilateral polas entidades locais. En todo caso, esta axuda é compatible coa percepción doutras subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

Para dar conta do uso da axuda, a FEGAMP deberá remitir á Secretaría Xeral de Política Lingüística unha memoria en que se indiquen as actividades realizadas e os resultados obtidos co seu desenvolvemento. Ademais, para o impulso e seguimento das accións, crearase unha comisión de seguimento, composta por representantes de Política Lingüística e FEGAMP.

O convenio asinado é unha iniciativa máis para garantir o cumprimento dos obxectivos da Lei de normalización lingüística e do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega encamiñados a aumentar o uso da lingua a partir do seu emprego no ámbito das entidades locais.

Menús News node R

Departamento

Colectivo