A Deputación da Coruña e Política Lingüística avanzan na colaboración para promover o uso da lingua galega

Salvador Fernández Moreda e Anxo Lorenzo reuníronse hoxe na cidade herculina para establecer as bases dun labor conxunto que impulse o galego desde o ámbito local

Mér, 21/04/2010 - 15:02

A Deputación Provincial da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística iniciaron os primeiros contactos para cooperar no fomento do uso do galego desde o ámbito local. Os responsables de ambas as entidades, Salvador Fernández Moreda e Anxo Lorenzo, respectivamente, mantiveron hoxe unha reunión na sede da deputación coruñesa para establecer as bases dun traballo conxunto a prol da dinamización da lingua galega.

Durante a reunión, Salvador Fernández e Anxo Lorenzo abordaron a participación da Deputación da Coruña na que será a primeira rede de dinamización lingüística, un proxecto da Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como obxectivo prioritario fomentar o uso do galego en colaboración coas distintas administracións locais, coa finalidade de potenciar o proceso de extensión do uso do galego de xeito coordinado e planificado. Neste sentido, a rede permitirá promover o intercambio de experiencias, para sumar esforzos e para evitar a duplicidade de tarefas semellantes entre as diferentes administracións e as organizacións que actúan na promoción do uso do galego.

Ademais, a Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística trataron a posibilidade de establecer un convenio entre ambas as entidades co fin de colaborar no desenvolvemento de actividades que impulsen e promovan o uso da lingua galega entre a cidadanía.

Logo deste primeiro contacto coa Deputación da Coruña e despois das xuntanzas mantidas recentemente cos presidentes das deputacións de Ourense e Pontevedra, o secretario xeral de Política Lingüística ten previsto reunirse proximamente co responsable da Deputación de Lugo.

O fomento do uso do galego a través da administración local

A administración local constitúe unha vía prioritaria para fomentar o uso da lingua galega, xa que se trata da organización administrativa que máis próxima e directamente transmite a acción pública aos cidadáns. A través dela é posible aplicar medidas que interveñan directamente na presenza social da lingua galega de forma uniforme tanto na poboación como no territorio. Ao mesmo tempo, favorece tamén a planificación de cada zona tendo en conta as súas particularidades sociolingüísticas.

Menús News node R