Máis de 500 alumnos asistirán ao espectáculo ‘O profesional’ do CDG dentro da campaña escolar de Cultura e Educación

Uns 100 estudantes do IES nº1 de Ordes abrirán mañá no Salón Teatro o programa de funcións matinais apoiadas cun caderno pedagóxico e dirixidas a centros de ensino secundario

En vindeiras datas, diferentes grupos procedentes de Viveiro, Vigo, A Guarda, Ferrol, Boiro, Valga, Ribeira e Porto do Son presenciarán tamén a representación da obra de Dusan Kovacevic que dirixe Manuel Guede Oliva

Mar, 09/10/2012 - 11:42
Máis de 500 alumnos asistirán ao espectáculo ‘O profesional’ do CDG dentro da ca
Máis de 500 alumnos asistirán ao espectáculo ‘O profesional’ do CDG dentro da campaña escolar de Cultura e Educación

Un total de 540 alumnos procedentes de centros de ensino secundario de distintas localidades galegas participarán na campaña escolar de difusión teatral que organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mediante a asistencia no Salón Teatro de Santiago ao espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) O profesional.

A compañía pública, que estreou o pasado venres 5 de outubro a versión galega da obra orixinal de Dusan Kovacevic baixo dirección escénica de Manuel Guede Oliva, ofrecerá 4 funcións matinais (ás 11:00 horas) os días 10, 11, 17 e 18 deste mesmo mes, ás que acudirán grupos de estudantes acompañados dos seus mestres, co obxectivo de afondar nas claves da montaxe do CDG e en distintos aspectos do feito escénico en xeral.

Uns 100 estudantes do IES nº1 de Ordes serán os que inauguren mañá esta iniciativa, aos que seguirán nas seguintes datas outros alumnos que viaxarán desde institutos de Viveiro (IES María Sarmiento), Vigo (IES A Guía), A Guarda (IES A Sangriña), Ferrol (IES Concepción Arenal), Boiro (IES Espiñeira), Valga (IES Valga-Pontecesures), Ribeira (IES nº1) e do IES de Porto do Son.

Caderno pedagóxico

Estas funcións específicas para escolares están apoiadas por un material didáctico elaborado para o CDG por Miguel Vázquez Freire, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), e que está dispoñible na web www.centrodramatico.org.  Neste caderno pedagóxico explícanse as características e condicionamentos do teatro de Kovacevic no seu contexto xeográfico e histórico, ao tempo que se propoñen diferentes pautas e actividades para que os rapaces poidan seguir falando e reflexionando sobre a obra despois de asistir á montaxe.

Contén, así mesmo, as referencias bibliográficas manexadas e todo tipo de documentación da época na que se desenvolve a acción de O profesional: o Belgrado de 1990 no que acontece o encontro entre Teodor Teja Kraj, un antigo activista político na oposición ao réxime do mariscal Tito e acomodado agora entre as redes do poder, e Luka Laban, o policía que durante dúas décadas lle seguiu os pasos.

Realizada en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga, integran o elenco de O profesional Miguel Pernas, Ernesto Chao, Rebeca Montero e Rodrigo Roel, que desenvolven o seu traballo interpretativo sobre a tradución do texto orixinal asinada por Vladimir André Cejovic xunto a Anne Renoue e nunha escenografía deseñada polo arquitecto portugués José Carvalho Araújo.

A obra permanecerá en Santiago ata o 21 de outubro coas funcións para público xeral de venres a domingo; e iniciará despois unha xira que a levará ata finais de decembro a outros 11 destinos en Galicia e Portugal: Tui, Vigo, Ourense, Coimbra, Braga, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, A Coruña, Rianxo, Narón e Ribadeo.

Menús News node R