Cultura e Educación salienta o valor da unión de forzas dos CIFP Politécnico de Santiago e Valentín Paz-Andrade para avanzar en investigación e innovación na Formación Profesional

Ambos os centros colaboran no proxecto “Procesos de Robótica aplicados á soldadura”, xunto co CIFP Juan Herrera (Valladolid) e o Grupo FOCYL

Ven, 05/10/2012 - 13:27
Manuel Corredoira na xornada de robótica
Manuel Corredoira na xornada de robótica

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na 1ª Xornada de Robótica, organizada polo Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago, un encontro no que se presentou o proxecto de innovación “Procesos de Robótica aplicados á soldadura”, desenvolvido por este CIFP compostelán en colaboración co CIFP Valentín Paz-Andrade (Vigo), co CIFP Juan Herrera de Valladolid e co Grupo Formación Castilla y León (FOCYL).

O director xeral de Educación, Formación Profesional, e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, representou á Consellería nesta xornada, na que salientou o valor da unión de forzas entre estes dous centros integrados galegos e o resto dos implicados nesta iniciativa para avanzar an investigación e na innovación na Formación Profesional. Neste sentido cómpre sinalar que este proxecto xurdiu a partires da análise dos cambios no sistema educativo e da modificación dos currículos dos ciclos formativos, coa correspondente implicación das empresas neste proceso.

Preparación para o mundo laboral

Na actualidade este é o único proxecto de innovación no que se introduciu na aula unha ferramenta de soldadura de última tecnoloxía. Así, os dous CIFP galegos utilizan na clase un robot de soldadura que axuda a achegarlle ao alumnado a realidade do mundo empresarial, un dos principais obxectivos da iniciativa. De feito, os estudantes están a traballar cun equipamento que se manexa a nivel nacional no sector do metal, o que lles garante unha completa formación de cara ao desenvolvemento do seu labor profesional.

Outro dos obxectivos do proxecto é satisfacer as necesidades das empresas en formación especializada. Para iso os centros integrados participantes porán a disposición das empresas e asociacións máis representativas do sector do metal a nivel nacional todos os recursos do proxecto.

Ademais, o proxecto dispón de novas canles de comunicación entre empresas, centros de formación e alumnado a través do intercambio de opinións e de información mediante a páxina web www.soldadurarobotica.com e a plataforma de teleformación creada para tal fin.