Cultura e Educación apoia a actividade das unidades de investigación e dos proxectos emerxentes nas universidades galegas cun investimento de preto de 20 millóns de euros

A Consellería vén de resolver as convocatorias destas liñas de axudas, coas que se completa o desenvolvemento do Plan I2C no referente á investigación universitaria

Deste xeito garántese a estabilidade destes grupos para os vindeiros 4 anos

Ademais, mantense ata 2015 o investimento para xestionar as actuacións aínda vixentes do Plan INCITE

Dom, 07/10/2012 - 11:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a convocatoria das cinco modalidades de axudas que compoñen o Plan I2C no referente á investigación universitaria, e a través das que se garante para os vindeiros catro anos a actividade das unidades de investigación e dos investigadores emerxentes nas universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

A través dun investimento de preto de 20 millóns de euros, dotarase de financiamento a 103 grupos, no marco da convocatoria de axudas á Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación do SUG, e da destinada a 32 proxectos de investigación desenvolvidos por investigadores emerxentes.

Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia impulsa o crecemento dun modelo diferenciado de investigación universitaria, ao abeiro do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C), que pon de manifesto a aposta do actual Goberno galego polo fortalecemento dos grupos a través dun modelo estrutural máis estable e multiplicando, como mínimo, por algo máis do dobre o importe medio anual dos antigos proxectos INCITE. Ademais, a Consellería continuará a dotar de orzamento ata 2015 aos proxectos INCITE; de feito durante o ano 2012 a Consellería ocupouse da xestión dos proxectos aínda activos deste Plan que foron transferidos desde a Consellería de Economía, e que tiñan un orzamento total de 10 millóns de euros.

Modalidades de axuda

No que atinxe ás axudas á Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación, concederanse 18 axudas para Grupos de Referencia Competitiva- os máis fortes do SUG-, 16 para novas Redes; e 68 na modalidade de nova creación, a destinada a Grupos con Potencial Crecemento, aqueles que, sen chegar aínda ao nivel de excelencia, están en disposición de acadalo se realizan un esforzo adicional cara á consolidación. Todas elas son axudas de nova concesión, isto é, non son prórrogas.

No caso da modalidade de Agrupacións Estratéxicas, concederanse 8 axudas destinadas a unidades de investigación de tipo estratéxico promovidas polas universidades, que xa obtiveran esta axuda nas convocatorias de 2008 ou 2009.

Para os proxectos de investigación desenvolvidos por investigadores emerxentes haberá un total de 32 axudas, a través das que se pretende apoiar a aqueles grupos e investigadores que aínda se atopan en etapas iniciais do seu desenvolvemento.

Aposta de futuro

Estas cinco liñas de axudas, cuxa resolución se publicará nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG), constitúen unha aposta da Consellería polo futuro dos grupos de investigación do SUG, a través dun  Programa de Consolidación para eliminar incertezas de continuidade e favorecer a estabilización dos mesmos. Non en balde, a través do novo modelo do Plan I2C, os grupos  reciben unha cantidade anual fixa e superan cada dous anos unha avaliación na que se comproba o cumprimento dos obxectivos.

Por outra banda, a liña de axudas para os proxectos de investigación liderados por investigadores emerxentes supoñen unha aposta pola promoción de mozos investigadores que posibilitan o inicio de liñas de investigación innovadoras en Galicia. A isto hai que engadir os convenios asinados coas tres universidades para premiar, cunha achega adicional, o esforzo dos investigadores galegos que teñen acadado axudas de tanto prestixio como as vinculadas aos programas ‘Starting Grants’ e CONSOLÍDER.