128 centros de ensino privado beneficiaranse das axudas de Política Lingüística para promover o galego no ámbito educativo

A contía da convocatoria da secretaría xeral para subvencionar estes proxectos de fomento do uso do galego ascende a 78.000 euros

Lun, 19/04/2010 - 18:55

Un total de 128 centros de ensino privado de Galicia recibirán as axudas da Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover o uso do galego no ámbito educativo. O departamento que dirixe Anxo Lorenzo vén de resolver a asignación económica da convocatoria para a presentación de proxectos para o fomento do galego, cunha contía de 78.000 euros.

Para a asignación das achegas económicas aos proxectos presentados polos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros, –cuxa proposta de resolución se pode consultar na web www.xunta.es/linguagalega–, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tivo en conta diversos aspectos, como a orixinalidade das propostas, a potenciación das competencias lingüísticas –especialmente as orais– e mais a utilización de novas tecnoloxías. Outros factores relevantes foron o fomento da colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro para promover o uso da lingua galega na contorna, así como a colaboración con outros centros educativos na realización de actividades. O número de estudantes aos que se dirixe o proxecto e a implicación activa dos membros da comunidade educativa nas actividades propostas constituíron outros aspectos de interese na valoración das iniciativas dos equipos.

878.000 euros para promover o uso do galego nos centros

Política Lingüística destina para o curso escolar 2009-2010 un total de 878.000 euros para realizar proxectos que fomenten o uso do galego no ámbito educativo. Ademais dos 78.000 euros dos que se beneficiarán os centros privados, o pasado día 6 de abril a secretaría xeral fixo pública a asignación de 800.000 euros para un total de 942 centros de titularidade pública.

Menús News node R