A Consellería de Cultura e Educación reforza a atención á diversidade do alumnado galego coa contratación de 25 novos especialistas para os centros educativos

Este curso haberá 12 profesores máis de Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica

Ademais contratáronse 13 novas persoas para exercer labores de coidador, intérprete de linguaxe de signos e fisioterapeuta en colexios e institutos

Lun, 24/09/2012 - 12:34

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no marco do compromiso establecido polo novo Decreto de Atención á Diversidade, reforza este curso a atención ás necesidades específicas de atención educativa do alumnado galego coa contratación para centros educativos de 25 especialistas máis dedicados a estes estudantes. Deste xeito, no 2012/2013 haberá 12 profesores máis de Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica, ademais de 13 novas persoas que exercerán labores de coidador, intérprete de linguaxe de signos e fisioterapeuta en colexios e institutos galegos.

Desta forma o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad volve dar mostra da súa aposta pola construción dunha escola inclusiva, na que se procura obter o mellor de cada alumna e alumno en base ás súas capacidades e circunstancias específicas, un apoio mantido malia ás dificultades impostas pola crise económica. Queda así, ademais, de manifesto o infundado e interesado das manifestacións de organizacións políticas e sindicais que tratan de alertar á sociedade difundindo falsas informacións sobre recorte de persoal para atender a estes estudantes, cunha única intencionalidade política.

Máis horas de atención

Un total de 580 especialistas en Audición e Linguaxe e de 1.345 en Pedagoxía Terapéutica prestarán servizo en colexios e institutos de Galicia durante o curso 2012/2013 para atender ás necesidades específicas de apoio educativo das alumnas e alumnos, de acordo cos parámetros establecidos polo Decreto de Atención á Diversidade, publicado por este Goberno como froito da súa aposta pola igualdade de oportunidades para todos os estudantes, e prestando especial atención ás súas circunstancias persoais.

Cómpre lembrar, ademais, que o novo horario lectivo dos profesores de secundaria suporá que os profesionais de Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica que traballen en centros educativos de Galicia que imparten ensinanzas desta etapa prestarán 850 horas máis de atención a estes estudantes.

Outras incorporacións

Ademais, a Consellería de Cultura e Educación contratou a 11 novos coidadores auxiliares para aulas de educación especial da provincia da Coruña, dos que 2 prestarán servizo a tempo completo no Centro de Educación Especial Manuel López Navalón (Santiago de Compostela).

Ademais, o Centro de Educación Especial Saladino Cortizo (Vigo) contará cun novo fisioterapeuta, e o equipo de profesionais de intérprete de linguaxe de signos que atende as aulas de educación especial da provincia da Coruña verase reforzado coa incorporación de un profesional máis.

Por outra banda, e a maiores dos devanditos especialistas, a Consellería continúa a cubrir as necesidades dos centros segundo van xurdindo. Para iso, xa está confirmada a incorporación para este curso dun auxiliar de cociña no CEIP Cabada Vázquez (A Estrada), así como dun subalterno na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra.