A Consellería de Educación asume por primeira vez a realización das probas para a obtención dos carnés profesionais

A formación específica, nos casos nos que se requira, será impartida nos centros de formación profesional de forma gratuíta

Dom, 18/04/2010 - 12:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria será a encargada de realizar as probas para a obtención dos carnés profesionais, así como de xestionar os trámites correspondentes á expedición de 20 destes documentos. Así mesmo, os centros educativos impartirán de forma gratuíta os cursos específicos para poder presentarse a estes exames, nos casos nos que se requiran. Deste xeito Educación, a través da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, dá un forte pulo á accesibilidade ao mundo laboral, tanto de quen estuden graos de FP, como de quen cursen os temarios específicos para cada carné.

A Consellería asume por primeira vez a competencia para realizar todas as actuacións conducentes á obtención destes carnés, que se desenvolverán en centros educativos dependentes de Educación. As sedes destas actuacións serán, principalmente, os centros integrados de formación profesional –CIFP-, aínda que tamén poderán estenderse a outros centros que impartan formación profesional.

Os carnés na FP

Coa tramitación deste proceso, a Consellería de Educación desenvolve unha competencia derivada da manifesta conexión da formación profesional con estes carnés. Proba disto é que para a obtención de moitos destes carnés estar en posesión dun título de formación profesional é requisito para poder presentarse ao exame e, noutros cun título de formación profesional a obtención do carné é directa. Ademais a obtención destes carnés está relacionada con certificados de profesionalidade incluídos no catálogo nacional de cualificacións profesionais e co recoñecemento da competencia profesional adquirida por experiencia laboral.

Por outra banda, os novos ciclos formativos derivados da Lei Orgánica de Educación (LOE) levan asociado o carné profesional naqueles casos en que sexa necesario para o exercicio da profesión correspondente. Neste sentido, a Consellería de Educación leva feito un importante labor, xa que vén de adaptar os currículos de 20 ciclos formativos nesta lexislatura e harmonizou con eles outros 6 xa modificados polo goberno anterior. Nesta liña, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa está a traballar sobre oito novos currículos cos que mellorar a oferta e poñer en valor estes estudos, e situar Galicia entre as primeiras comunidades autónomas en ter adaptado todos os títulos autorizados polo Ministerio de Educación.

Coa firma deste acordo a Consellería de Educación, a través dos centros que dela dependen, vai realizar as probas para os aspirantes aos carnés profesionais de Instalador de fontanería, Instalador frigorista, Conservador-reparador frigorista, en instalacións térmicas de edificios, certificado de cualificación individual en baixa tensión - categoría básica e especialista-, e Instalador de liñas de alta tensión -categoría LAT1 e LAT2-,  Operador industrial de caldeiras, e Operador de guindastre móbil autopropulsado - categoría A e B-, entre outros.

Con esta xestión, Educación garante ao tecido socio-produtivo galego que vai dispor dun persoal técnico cualificado e actualizado nas últimas esixencias da normativa específica correspondente. Isto redundará nunha garantía de seguridade nas distintas instalacións xa sexan industriais, dos edificios e naquelas actividades que se requira.