Xesús Vázquez Abad asiste á entrega do premio Servir 2012, concedido polo Rotary Club de Ourense á empresa Acoval

Con este recoñecemento, téntase homenaxear o traballo dunha entidade de traxectoria consolidada que destaque polo seu labor empresarial e social

Ven, 21/09/2012 - 21:45

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistirá hoxe á cea benéfica organizada polo Rotary Club de Ourense no Hotel Balneario de Laias, na que se fará entrega do premio Servir 2012 á empresa ourensá Acoval.

Con este premio, o Rotary Club pretende recoñecer o traballo dun grupo empresarial de traxectoria consolidada que destaque polo seu labor empresarial e social, con actividades que revertan na sociedade de Ourense. Así mesmo, prémiase a vocación da empresa polo fomento de emprego estrutural e a firme aposta pola formación e a investigación.

Todos estes valores foron recoñecidos na construtora ourensá Acoval por un xurado integrado por personalidades destacadas do mundo da Universidade, da empresa, das caixas de aforros galegas e das Administracións Pública, que esta noite se reunirán no Hotel Balneario de Laias, onde a xerente da empresa, María del Carmen Rodríguez, recollerá o premio. O xurado elixiu como gañadora desta edición a este grupo empresarial en recoñecemento ao seu labor en materia de Responsabilidade Social Empresarial, así como o seu traballo pola comarca patrocinando equipos de fútbol infantil, e colaborando con diversas entidades benéficas.

O diñeiro recadado neste acto será destinado a tres entidades da provincia: o banco de alimentos de Ourense, a Asociación de discapacitados Aspanas, e a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer Afaor.

O Rotary Club de Ourense pertence a un rede internacional centenaria, na que hai máis de un millón douscentos mil socios, repartidos en 30.000 clubes en 168 países. O obxectivo desta entidade é a mellora da calidade de vida nas distintas comunidades nas que se sitúa. En calidade de voluntarios, os seus membros promoven a paz e a boa vontade, proporcionando un servizo humanitario.