Cultura e Educación destaca a importancia da literatura galega na apertura do VII Ciclo escritores/as na universidade

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa Asociación de Escritores de Lingua Galega nesta iniciativa que ten como obxectivo achegar os universitarios e universitarias aos xéneros narrativo, poético e teatral

Xov, 20/09/2012 - 13:52

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou esta mañá na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo na mesa inaugural do VII Ciclo de conferencias e mesas redondas Escritoras/es na Universidade. Nesta sétima edición, cuxo lema é Por que(n) escribir / Para que(n) escribir, o ciclo consolídase como escenario a través do que achegar a xente nova, nomeadamente os universitarios e universitarias, aos xéneros narrativo, poético e teatral.

Acompañaron o secretario xeral na mesa inaugural a vogal da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Rexina Vega; a decana da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, María Rosa Pérez Rodríguez; e o director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Burghard Baltrusch. Valentín García fixo fincapé na necesidade de que os escritores e escritoras galegas “narren a súa propia historia para, a partir de nós mesmos, poder comprender a universalidade humana. Esta é a mellor forma de crear identidade e comunidade, e a única vía posible para evitar formas de estar no mundo alleadas”. O secretario xeral incidiu, amais, no fundamental papel da universidade á hora de crear identidade e comunidade: “A universidade debe ser luz para o país que a acolle, luz que debe proxectar nas cousas e nos seres que o habitan. Velaí por que escribir e a quen escribir en Galicia.”

Mesas redondas de poesía, narrativa, teatro e ensaio

O VII Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, Por que(n) escribir / Para que(n) escribir desenvolverase ao longo de tres semanas, cunha mesa redonda cada xoves. O ciclo comezou esta mañá cunha mesa redonda sobre poesía na que participaron as poetas María Lado e Olga Novo.

A segunda mesa redonda, que terá lugar o xoves 4 de outubro, contará coa presenza de Xosé Neira Vilas e de Antón Rivero Coello, quen falarán sobre narrativa. Por último, Quico Cadaval e Carlos Callón intervirán na mesa redonda de teatro e ensaio do xoves 18 de outubro. Todas as sesións deste ciclo terán lugar ás 12.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

Colaboración coa AELG

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, colabora coa AELG na realización deste ciclo de conferencias e de mesas redondas a través dun convenio. Amais desta iniciativa, a AELG, dentro deste marco de colaboración, leva a cabo actuacións que inciden na difusión das obras dos escritores e escritoras en lingua galega e tamén na súa proxección exterior, entre as que podemos destacar as visitas de escritores aos Centros de Estudos Galegos dependentes de Política Lingüística en universidades españolas ou o curso de posgrao Narrativas xuvenís no século XXI (2000-2012). Tendencias e correntes, que se imparte na Universidade de Santiago de Compostela e que ten como finalidade formar o alumnado sobre as literaturas infantís e xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos.

Apoio a entidades de referencia no eido literario

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad coopera, ademais de coa AELG, co Centro PEN de Galicia, outra das entidades de referencia no eido literario galego, á que pertencen un importante número de autoras e autores de Galicia, que inclúen escritores e escritoras destacados.

Deste xeito, os departamentos da Secretaría Xeral de Cultura e da Secretaría Xeral de Política Lingüística apoian, no marco das devanditas colaboracións, recoñecidos premios literarios, como o Premio Rosalía de Castro, instituído polo Centro PEN de Galicia en 1996 ou os Premios AELG.

Menús News node R

Departamento

Colectivo

Ensinanza