Anxo Lorenzo anima aos máis novos a seguir lendo en galego durante a entrega dos premios Frei Martín Sarmiento

O acto realizouse no marco da Festa da Lingua, unha iniciativa impulsada por Ferega na que participan centos de estudantes de diversos centros de ensino

Ven, 16/04/2010 - 18:33

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, animou hoxe aos máis novos a seguir lendo en lingua galega durante a entrega dos premios Frei Martín Sarmiento, que tivo lugar no recinto feiral de Silleda no marco da Festa da Lingua.

Estes galardóns, que  resolven os alumnos e alumnas votando os seus libros preferidos, recaeron este ano en Manuel Uhía, vencedor na primeira categoría de primaria pola obra O autobús da selva, e mais en María Reimóndez, que se fixo co premio na segunda categoría co traballo Lía e as zapatillas de deporte.

A Festa da Lingua, unha iniciativa que impulsa a Federación de Relixiosos do Ensino en Galicia (Ferega-Ceca), reuniu na presente edición preto de 1.000 alumnos e alumnas de primaria de diversos centros de ensino pertencentes a esta federación.

Ademais da entrega de premios, durante a mañá tamén tiveron lugar faladoiros dos rapaces e rapazas cos autores e xa pola tarde realizáronse diversas actividades lúdicas, como contacontos, a posta en escena de obras de teatro e un concerto, entre outras.

A Festa da Lingua continuará o próximo día 23 de abril, cando terá lugar a entrega dos Premios Frei Martín Sarmiento na terceira e cuarta categorías de educación secundaria e mais dos premios de curtametraxes Rec-curta.

A colaboración de Ferega e Política Lingüística para promover o uso do galego

Durante o pasado ano, Ferega desenvolveu un amplo programa de actuacións destinadas a impulsar o uso do galego na súa actividade no marco do convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Neste sentido, distribuíronse modelos de documentación e manuais de galego para o persoal de administración dos centros e difundiron material para as principais festas do ano litúrxico, o servizo Remol e Remuíño, libros de oracións infantís e folletos coas respostas da misa en galego.

En canto ás actuacións dirixidas á docencia, celebraron cinco cursos de reciclaxe en lingua e técnicas para a narración oral, ademais doutras xornadas e actuacións informativas destinadas a favorecer a normalización deste colectivo. Para o alumnado, tamén organizaron en 2009 unha nova edición da Festa da Lingua, ademais dos Encontros de Regueifas e Hip Hop en galego, entre outras actividades.