Tres centros educativos galegos resultaron premiados no concurso Nacional de Bibliotecas Escolares

O conselleiro de Educación asistiu a entrega dos recoñecementos nun acto celebrado na Biblioteca Nacional, en Madrid

Mér, 02/12/2009 - 15:00
Premios concurso Nacional de Bibliotecas Escolares
Premios concurso Nacional de Bibliotecas Escolares

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, estivo presente na entrega dos 27 premios do concurso nacional de Boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas nos centros escolares no 2008, dos que tres foron para centros galegos. Os galardóns foron entregados nun acto celebrado na Biblioteca Nacional, en Madrid, e no que estivo presente Eva Almunia, secretaria de Estado de Educación e Formación.

Estes galardóns recoñecen o traballo realizado polos centros escolares galegos IES Carlos Casares, no concello ourensán de Viana do Bolo, o IES Alfonso X O Sabio, en Cambre na provincia de A Coruña; e o Colegio La Salle, en Santiago de Compostela.

Entre os centros destacou o segundo posto acadado polo IES Carlos Casares, que desde hai dous anos participa en dito concurso e que obtivo o galardón, de 9.000 euros, grazas ao traballo desenvolvido e ao convenio subscrito coa Fundación ENDESA. O premio para este centro ourensán é de dez mil euros que serán empregados para continuar mellorando os fondos e instalacións da biblioteca.

Con esta distinción o IES Carlos Casares continúa un bo ano no que xa acadou o Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento "Vicente Ferrer", polo traballo realizado ao longo de catro cursos escolares entre o profesorado, alumnado e familias en prol do voluntariado.

Os premiados

Por outra banda o IES Alfonso X O Sabio e o ColexioLa Salle recibirán 6.000 euros ao recibir un terceiro premio cada un deles. En total hoxe foi recoñecida a labor das bibliotecas escolares de 27 centros de once comunidade autónomas de España, entre os que se distribuíron 207.000 euros.

Os premios teñen como obxectivo recoñecer as mellores actuacións desenvolvidas polos centros para converter as súas bibliotecas en espazos integradores da acción educativa. Os premios foron para centros que abordaron a dinamización e innovación da súa biblioteca como recurso didáctico e de integración curricular polos diferentes departamentos, a través de proxectos de traballo na aula- biblioteca.

Durante o acto unha das alumnas do IES Vallecas- Magerit, de Madrid, fixo a lectura dun poema en galego, e tras a entrega de premios Xesús Vázquez Abad departiu cos representantes de educación do resto de España, así como cos premiados. O conselleiro destacou a importancia dos tres recoñecementos "xa que nos poñen ao mesmo nivel que comunidades con máis centros, e incluso por riba dalgunha delas demostrando a nosa preocupación por mellorar todo aquilo relativo a educación", ao que engadiu que "seguiremos traballando nesta melloras, e recoñecemos como os de hoxe dannos máis forzas para continuar neste camiño".

Investimento nas bibliotecas galegas

Xesús Vázquez Abad asistiu a entrega de premios xunto ao director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, responsable do departamento encargado de mellorar o sistema de bibliotecas nos centros escolares galegos. No presente curso a Consellería de Educación investirá 1.016.700 euros en 299 bibliotecas, para a incorporación de materiais informativos e de ficción en soporte impreso ou electrónico nos centros seleccionados. Ademais recibiran contías significativas para mobiliario específico, para mellorar o equipamento audiovisual e informático da biblioteca, e para gastos de funcionamento.

Xunto cos esforzos orzamentarios da Consellería cómpre recoñecer a implicación e o compromiso das direccións dos centros educativos que establecen as medidas organizativas necesarias para a atención destes recursos imprescindibles; e a do profesorado que os xestiona e dinamiza, programando actividades para os diferentes sectores da comunidade escolar: encontros con autores, exposicións, sesións formativas para a busca de información, propostas de carácter interdisciplinar (proxectos documentais), recomendacións literarias, presentacións de libros, clubs de lectura, blogues de biblioteca, boletíns informativos, guías de lectura, maletas viaxeiras, etc.

Menús News node R