Cultura e Educación impulsa o ensino da lingua galega fóra da comunidade autónoma a través da colaboración coa EOI de Barcelona e co Espazo das Linguas Ibéricas de Madrid

A través da Secretaría Xeral de Política Lingüística co-organizará cursos de galego na capital do Estado e na Cidade Condal

Xov, 20/09/2012 - 11:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de dar un novo impulso á liña de actuacións que desenvolve, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para a promoción e difusión da lingua galega. Neste marco, a Consellería co-organizará no curso 2012/2013, en colaboración coa Escola Oficial de Idiomas de Barcelona, e co Espazo das Linguas Ibéricas, de Madrid, cursos de galego na Cidade Condal e na capital do Estado.

As persoas interesadas nesta oferta de cursos de galego fóra da comunidade autónoma poden obter máis información no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no enderezo http://www.xunta.es/linguagalega/outros_cursos_fora_de_galicia.

Galego inicial e intermedio en Barcelona

A colaboración coa EOI de Barcelona-Drassanes posibilitará que este centro oferte un curso de galego inicial (nivel A2-B1), destinado a alumnado que nunca cursou ningún ensino de lingua ou cultura galegas, ou que posúe algún certificado de nivel básico; e un curso de galego intermedio (nivel B2-C1), para o alumnado que realizou, como mínimo, un curso de nivel medio de galego, ou que demostre un dominio do idioma (B1 ou máis).

O período de matrícula en ambos os dous estará aberto dende o 27 de setembro ao 8 de novembro de 2012. A matrícula poderase facer a partir do 27 de setembro por internet (cursosespecials.secretaria@eoibd.cat) ou en persoa na secretaría de cursos especiais e os interesados poden obter máis información no enlace web www.eoibd.cat.

Cursos preparatorios do CELGA en Madrid

No caso da colaboración co Espazo das Linguas Ibéricas de Madrid, redundará nunha oferta de cursos preparatorios para as probas do Certificado de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas (CELGA), así como na dun curso de Lingua e Cultura Galega, de seguimento da actualidade galega, historia da nosa lingua, literatura, e cultura.

O prazo de matrícula remata o 21 de setembro de 2012 para os cursos de Celga 1 e Lingua e Cultura; e vai do 19 ao 30 de novembro de 2012 para os de Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A matrícula pode formalizarse no correo electrónico galegoenmadrid@gmail.com ou na secretaría do centro.

Proxección exterior da lingua

Co impulso desta oferta formativa, o departamento educativo da Xunta de Galicia continúa a promover o ensino da nosa lingua noutras comunidades autónomas, e mesmo noutros países. Neste momento a Consellería mantén convenios de colaboración con 38 universidades estranxeiras que posibilitan que, por medio deste tipo de acordos, a Xunta de Galicia faga posible que, anualmente, arredor de 2.000 alumnos e alumnas estuden lingua e cultura galegas en universidades de Alemaña, Arxentina, Brasil, Cuba, Croacia, España, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia e Uruguai, a través da súa Rede de Centros de Estudos Galegos e dos 29 lectorados de lingua, literatura e cultura galegas.

Así mesmo, e grazas ao compromiso da Consellería, a lingua propia de Galicia está presente noutros centros que imparten ensino regrado fóra da Comunidade, como o Cañada Blanch (Londres) ou o Santiago Apóstol de Bos Aires.

Dentro do Estado español, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación tamén aposta pola difusión e o recoñecemento do galego a través dos sete centros que forman parte do proxecto Galauda, que se desenvolve en Cataluña, ou dos centros públicos que, grazas ao Protocolo de Colaboración entre Galicia e Castela e León, ofrecen aulas de galego e en galego nas comarcas do Bierzo e de Sanabria.

Estes colexios e institutos permiten responder ás demandas das comunidades lingüísticas galegas que viven no exterior e dar a coñecer o idioma propio de Galicia tamén entre a poboación de orixe non galegofalante.

Menús News node R