O conselleiro de Cultura e Educación comparte o comezo do curso 2012/2013 coa comunidade educativa da Escola Oficial de Idiomas de Ourense
Vázquez Abad comprobou de primeira man a situación do centro no que desde este curso se oferta por primeira vez chinés e recordou que tamén se abren as seccións de Ribadavia e Celanova
O período de matriculación continúa aberto ata o vindeiro 15 de outubro
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe a situación da Escola Oficial de Idiomas en Ourense, na que aínda continúa aberto o período de matriculación ata o vindeiro 15 de outubro.
Durante o seu percorrido polas instalacións Vázquez Abad recordou que para este curso na EOI de Ourense impártese o primeiro curso de chinés, con 120 prazas. Do mesmo xeito, o tamén sinalou que desde este ano hai 180 prazas máis para a mellora das competencia lingüísticas en inglés en niveis básico e intermedio a través das novas seccións creada nos concellos de Ribadavia e Celanova.
Incremento de oferta na provincia
Cómpre sinalar que as seccións oficiais de idiomas de Celanova e Ribadavia permiten, xunto a outras catro do resto da provincia de Ourense, dar resposta ás demandas da poboación a través de 900 prazas.
As seccións son unha oportunidade máis para os interesados en mellorar as súas competencias en lingua inglesa, e que se desenvolve ao abeiro do Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras, que ten nas EOI un dos seus piares fundamentais, polo seu papel como centros para a cualificación e certificación tanto dos docentes – a través de cursos específicos CALC- como do resto das galegas e galegos.
Gran demanda
O incremento da oferta en idiomas e prazas é unha nova mostra do compromiso da Xunta coa formación, achegando tanto aos galegas e galegos que viven nas cidades como no rural as ensinanzas de linguas estranxeiras que se ofertan nas EOI; unha aposta pola igualdade de oportunidades no acceso ao plurilingüismo.
A oferta en idiomas existente na provincia de Ourense volve a ter unha gran demanda para o presente curso escolar, segundo se detecta das cifras das prematrículas, tanto na EOI de Ourense, como nas sección de O Barco, O Carballiño, Verín, Celanova, e Ribadavia.
Durante a visita o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesinal e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; a directora do centro Nancy Casielles e a xefa territorial de Educación, Mercedes Gallego.