O Premio de Narrativa Breve Repsol, co que colabora Cultura e Educación, recae na VI edición en María López Sández por A forma das nubes
O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá na Coruña no acto en que se anunciou o fallo do xurado
A Consellería dirixida por Vázquez Abad participa, canda a Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa Fundación Repsol na convocatoria do premio
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer hoxe, acompañado de César Gallo –vicepresidente da Fundación Repsol- e mais do escritor Xavier Alcalá –voceiro do xurado e encargado de ler a acta do fallo- a nova gañadora da VI Edición do Premio de Narrativa Breve Repsol.
No acto de presentación do fallo, que tivo lugar nas dependencias da refinería Repsol, os comparecentes anunciaron que o galardón deste ano recaeu en María López Sández, pola súa obra A forma das nubes.
O secretario xeral, transmitiulle publicamente á premiada os parabéns, en nome do departamento dirixido polo conselleiro Xesús Vázquez, que colabora coa Fundación Repsol e mais coa Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritores en Lingua Galega na organización do certame.
Durante a súa intervención, García Gómez destacou que “no momento presente, en Galicia, contamos cun sistema literario ben consolidado, cuxos froitos son certamente sobresalientes”. O secretario xeral referiuse ao Premio de Narrativa Breve Repsol como “unha mostra de responsabilidade social co ámbito territorial no que a empresa está radicada que conta cunha importante acollida tanto por parte de escritores noveis como dos xa consolidados dentro do sistema literario galego”. “Boa mostra desta acollida –engadiu– dánnola os 41 orixinais que optaban a gañar a sexta edición do premio”.
Finalmente, o responsable de Política Lingüística destacou “o papel que exerce o sector editorial galego e en galego na difusión, na promoción do uso e na aprendizaxe do idioma propio de Galicia”.
A obra gañadora
A autora da obra, María López Sández (Lugo, 1973) é doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago (USC) e actualmente imparte docencia no ensino medio, no IES Xulián Magariños de Negreira. Tamén é profesora asociada na Facultade de Ciencias da Educación da USC. O seu labor investigador centrouse na relación da literatura galega co imaxinario paisaxístico e co espazo urbano, no estudo da cartografía como semiótica do espazo.
A forma das nubesé, desde o punto de vista do xurado, unha peza intimista de temática psicolóxica que dá conta da viaxe interior dunha muller, no seu paso da infancia á xuventude. O xurado encargado desta sexta edición integrárono María Canosa, Dolores Vilavedra, Carlos Lema, Xavier Alcalá e Darío Xohán Cabana.
É autora de Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio,obra coa que xa gañou, en 2007, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, impulsado desde o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades dependente da Xunta de Galicia.
Traxectoria do Premio de Narrativa Breve Repsol
Na primeira edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose co galardón pola súa obra Se algún día esta muller morta e Xavier Lama, profesor da USC e coñecido xornalista, acadou un accésit por O insomnio dos centauros. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor. Na cuarta, en 2010, o premio foi para o escritor Xurxo Sierra pola súa obra Os fíos. A anterior, en 2011, gañouna Fernando Díaz Castroverde Gómez, por Microbios e outros paquidermos.