A consellería de Educación impulsa a excelencia do profesorado galego cun curso de formación no que participan prestixiosos profesionais da música
Máis de trinta docentes desta disciplina danse cita nas xornadas formativas ‘A ópera nos séculos XIX, XX e XXI’
Máis de trinta docentes de música de ensino secundario de Galicia mellorarán a partir de hoxe a súa formación grazas ao curso ‘A ópera nos séculos XIX, XX e XXI: últimas investigacións’, organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A profesora de Musicoloxía da Universidade de Oviedo, María Encina Cortizo, e o compositor José María Sánchez Verdú, ambos os dous prestixiosos profesionais da materia, serán os relatores desta cita.
Esta actividade de formación para o profesorado constitúe unha oportunidade única para a actualización dos coñecementos nun aspecto que é parte fundamental nos currículos da materia en secundaria e bacharelato, xa que a ópera e as súas diferentes vertentes é un dos ámbitos nos que máis se ten investigados nos últimos anos. Precisamente son estes estudos, que teñen mudado radicalmente o coñecemento que se ten deste xénero, os que aconsellan a realización do curso. Un dos seus obxectivo é pór en valor o papel que tivo realmente a música vocal española no entorno europeo, e a cantidade e calidade do obras, que ata hai ben pouco permanecían esquecidas, a pesares de constituír verdadeiros tesouros do patrimonio artístico europeo.
Fomento da formación continua
Durante as catro xornadas das que se compón o curso -16, 17, 23 e 24 de abril- os distintos expertos analizarán para o profesorado de música de Galicia o alcance das súas investigacións. Deste xeito, os relatorios xirarán en torno á divulgación dos resultados do labor de recuperación e catalogación de máis de 45.000 zarzuelas, dun valor musical incalculable, e un importante número de óperas do século XIX.
Así mesmo, os relatores explicarán o proceso de recuperación da ópera da Restauración así como de da figura dos compositores e as óperas máis importantes –e descoñecidos- da España do século XIX. A importancia deste traballo queda manifesta naqueles títulos que despois da súa recuperación, están a ser estreados e divulgados no resto de Europa, caso da ópera de Ramón Carnicer 'Don Giovanni', que ten sido recuperada, e cuxa importancia fixo que despois fose programada no Festival Rossini de Pesaro, entre outros festivais europeos. Neste mesmo caso atópase tamén a ópera 'Cristorofo Colombo', ou 'La mort du Tasse', que escribiu Manuel García para la Grand Opéra de París.
Ademais, o profesorado participante terá a oportunidade de coñecer e analizar o repertorio operístico contemporáneo, que constitúe un fito fundamental do repertorio mundial.
Relatores de prestixio
As distintas actividades formativas deste curso serán impartidas pola profesora de Musicoloxía da Universidade de Oviedo e responsable da edición crítica e da recuperación de máis de 10 óperas e zarzuelas do século XIX, María Encina Cortizo. Na tarefa docente estará acompañada polo compositor, Premio Nacional de Música e Profesor de composición en Dusseldorf, José María Sánchez Verdú; quen ten ademais estreado 5 óperas, e dado numerosas conferencias en Europa e Hispanoamérica sobre a creación vocal dos séculos XX e XXI.
Coa organización desta actividade, a Consellería de Educación mostra o seu compromiso coa formación continua do profesorado e coa calidade das ensinanzas musicais e artísticas no sistema educativo galego.