Preséntase a segunda edición do OUFF Escola, unha iniciativa que aposta pola mostra audiovisual en galego feita nas aulas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora neste certame que busca fomentar a creatividade audiovisual e impulsar o uso do galego nas franxas de idade máis novas

Mér, 14/04/2010 - 21:43
Preséntase a segunda edición do OUF
Enrique Nicanor, director do Festival de Cine Internacional de Ourense; Cristina Rubal, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística de Política Lingüística; e Isabel Pérez, concelleira de Cultura de Ourense

O auditorio municipal de Ourense acolleu hoxe a presentación do II Certame OUFF Escola, unha iniciativa que está impulsada polo Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF), pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais polo Concello de Ourense.

A subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Cristina Rubal, destacou durante a súa intervención na presentación do acto que, “ademais de constituír un escaparate inmellorable para comprobar o talento que posúen os escolares de Galicia no ámbito audiovisual, o certame ten unha clara vontade de impulsar o uso da lingua galega desde as aulas”.

Cristina Rubal tamén salientou que o audiovisual constitúe na actualidade un dos ámbitos de referencia no tempo de lecer da sociedade, así como unha canle fundamental para a normalización da lingua galega. “Conscientes desta importancia –dixo Cristina Rubal– a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere apoiar, un ano máis, iniciativas como a que hoxe presentamos”.

Ademais da subdirectora xeral de Política Lingüística, tamén estiveron na presentación do certame o director do Festival de Cine Internacional de Ourense, Enrique Nicanor, e mais a concelleira de Cultura de Ourense, Isabel Pérez.

Os obxectivos do OUFF Escola

Ademais de fomentar a creatividade audiovisual e de impulsar o uso da lingua galega entre os máis novos, entre os obxectivos do OUFF escola tamén se encontran coñecer a visión do alumnado sobre o seu contorno sociocultural e mais impulsar o traballo en equipo. Ao mesmo tempo, búscase potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual realizado nas aulas. De feito, esta iniciativa encádrase
como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura darlles formación aos mozos e mozas sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.

Participantes e categorías

Neste certame poden participar todos aqueles alumnos e alumnas matriculados en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2009-2010, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega.

O II OUFF Escola conta con dúas categorías: unha para educación infantil e primaria e outra para os demais niveis de ensino non universitario. As obras presentadas, cuxa duración máxima será de 20 minutos, poden tratar de calquera tema, teñen que estar en galego e deben ser orixinais (non comercializados nin premiados anteriormente).

Establécense catro premios para cada unha das categorías, nos que o xurado terá en conta a calidade das obras presentadas, a orixinalidade do argumento, a autenticidade e calidade no uso da lingua, a potenciación de valores democráticos e de tolerancia e o uso creativo das novas tecnoloxías e das ferramentas de software libre.

A entrega de galardóns desta segunda edición realizarase no XV Festival de Cine Internacional de Ourense, no cal se proxectarán os traballos gañadores nas salas cinematográficas vinculadas ao festival. Ademais, editarase un DVD cos traballos gañadores.

Os gañadores na primeira edición

Na pasada edición, o CEIP Mestre Valverde, de Mos; o IES Alfoz-Valadouro, de Lugo; o CPI Xanceda, da Coruña; o CPI Novoneira, de Lugo, o IES Cacheiras, da Coruña, o CEIP Pepe de Xan Baña, no concello de Santa Comba; e mais o IES Leliadoura, en Ribeira, foron os centros educativos galardoados.