Cultura e Educación reúne preto de 100 profesores nas Xornadas de transporte e mantemento de vehículos 2012
O curso dividirase en sesións teóricas e prácticas impartidas por empresas recoñecidas do sector do automóbil como Toyota España, PSA Peugeot Citroën , Kistler Ibérica e APA España
Organizado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación, ten por obxectivo coñecer as últimas tecnoloxías no sector do automóbil e a posta en contacto con numerosos proxectos de innovación e normativa educativa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne preto de 100 profesores nas ‘Xornadas de transporte e mantemento de vehículos’, desenvolvidas no CIFP Politécnico de Santiago durante os días 10,11 e 12 de setembro.
A Subdirectora Xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas, María Eugenia Pérez Fernández, e o director do centro CIFP Politécnico de Santiago, José Manuel Leis Blanco, deron onte a benvida aos participantes neste curso organizado e coordinado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) – dependente da Consellería de Cultura e Educación-, dentro do marco do Plan Anual de Formación do Profesorado de Formación Profesional 2012-2013 que promove a Consellería.
O programa terá unha duración de 21 horas repartidas en sesións teóricas e obradoiros prácticos impartidos por expertos das empresas máis recoñecidas do sector do automóbil como Toyota España, PSA Peugeot Citroën , Kistler Ibérica e APA España
Obxectivos e programa
Entre os obxectivos establecidos para estas xornadas, destaca a posibilidade de coñecer as últimas tecnoloxías no sector do automóbil mediante a achega das empresas participantes na actividade, de xeito que os materiais achegados por estas sexan unha ferramenta para a posta ao día dos contido curriculares. Deste xeito, o profesorado asistente recibirá o material didáctico que se utilice ao longo da actividade e que servirá de apoio ás explicacións dos relatores presentes no curso para poder empregalo así como consulta posterior.
Así mesmo, a través deste seminario, todos os profesores da familia profesional poderán establecer un punto de encontro que facilite o intercambio de experiencias e materiais didácticos, o que lles permitirá tamén poñerse en contacto con numerosos proxectos de innovación e normativa educativa.
Estas ‘Xornadas de transporte e mantemento de vehículos’ divídense en dous módulos nos que o auditorio tratará contidos moi diversos. Por un lado, trataranse aspectos como a elaboración de libros electrónicos, o estudo dos sistemas de comunicación no vehículo, a evolución das enerxías alternativas, a soldadura, a climatización, as centrais electrónicas ou a pintura na carrozaría. Doutra banda, o curso abordará temas como a soldadura láser, os sistemas de transmisión, a tecnoloxía das motocicletas, os abrasivos, os equipamentos pneumáticos e para a reparación de carrozaría, a tecnoloxía en vehículos industriais e o son no automóbil.