O conselleiro de Educación asina un convenio con Repsol en beneficio dos estudantes de Formación Profesional

O acordo vai destinado aos matriculados nos ciclos da familia química e inclúe a formación do profesorado

Mar, 13/04/2010 - 13:28

Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, e Ángel Crespo Moro, representante da refinería de Repsol Petróleo e director do Complexo Industrial da Coruña, asinaron hoxe un convenio de colaboración educativa nas ensinanzas de formación profesional.

O acordo para a creación de bolsas de formación, de dous cursos de duración, vai destinado á difusión das ensinanzas de FP, especialmente da familia química, entre o alumnado de bacharelato. Durante o período de prácticas o alumnado tamén recibirá formación en seguridade e loita contra incendios nas instalacións da refinería nas empresas formativas especializadas da Comunidade Autónoma de Galicia (Cegalia, Seganosa).

Para desenvolver o período de prácticas a empresa proporcionará as instalacións aos estudantes, mentres que a Consellería de Educación aportará o persoal docente necesario para as ensinanzas do devandito ciclo formativo, e daralle a formación específica e precisa para tal labor.

Con esta colaboración lógrase por unha banda que os estudantes adquiran competencias propias da súa profesión, que ao mesmo tempo lles facilitarán a adaptación ao mundo laboral. Ademais, unha vez rematada a formación os estudantes poderán acceder á bolsa de emprego da empresa Repsol Petróleo.

O tempo de prácticas

No encontro mantido na Consellería de Educación para asinar o acordo estiveron presentes o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira; a subdirectora xeral de Orientación Profesional e Relación con Empresas, María Eugenia Pérez Fernández; o subdirector de Persoal e Organización da Refinería da Coruña, Ignacio Trapiella Nieto; e o xestor de Planificación e Servizos da refinería, José Ortuño Vilurbina.