153 alumnos do Bierzo participan nun programa de estadía en Galicia para complementar os seus estudos de galego

Esta iniciativa, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, insírese no protocolo de colaboración entre Galicia e Castela e León para facilitar a aprendizaxe do galego nas zonas galegofalantes de León e de Zamora

Lun, 12/04/2010 - 19:23
O subdirector xeral de Política Lingüística, Xoán Rivas
O subdirector xeral de Política Lingüística, Xoán Rivas, recibiu hoxe os estudantes

Un total de 153 alumnos e alumnas da comarca do Bierzo, en Castela e León, viaxaron hoxe ata Galicia para participar nun programa de estadía que complementará os seus estudos de galego.

O subdirector xeral de Política Lingüística, Xoán Rivas, recibiu hoxe os estudantes, que proceden dun total de 13 centros educativos da comarca do Bierzo, onde están a seguir o programa de estudo en galego que ten en marcha a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Durante o acto de benvida, Xoán Rivas explicou as actividades previstas no programa de estadía. Actividades que buscan, fundamentalmente, “achegar o alumnado visitante á realidade lingüística e cultural de Galicia, promover o uso e o contacto directo co idioma e coa cultura galegas, dar a coñecer diferentes mostras do patrimonio xeográfico e cultural galego e fomentar o intercambio directo de alumnado de diferentes comunidades autónomas”, afirmou o subdirector xeral.

Diversas actividades de dinamización lingüística

Durante a viaxe, o alumnado poderá gozar dun completo programa de actividades, que inclúe visitas aos principais puntos de interese da zona veña compostelá, á Cidade da Cultura ou a Aquavisión, no Grove. Na capital galega, os rapaces e rapazas tamén terán ocasión de visitar a exposición Galicia Dixital e de percorrer un pequeno tramo do Camiño de Santiago. Como novidade, este ano o programa inclúe diversos obradoiros de dinamización lingüística a través dos que o alumnado terá ocasión de achegarse de forma lúdica á lingua galega.

Colaboración entre as comunidades para fomentar a aprendizaxe de galego

Esta iniciativa, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, encádrase no protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León para facilitar a aprendizaxe da lingua galega nas zonas galegofalantes das provincias de León e Zamora.  A través deste programa de estadía, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo ten como obxectivo darlle un novo impulso á aprendizaxe do galego nos territorios limítrofes con Castela e León en que se fala a lingua propia de Galicia.

Grazas a esta colaboración, actualmente, 1.096 alumnos e alumnas estudan materias de ou en galego nas provincias de León e de Zamora. Nos centros de ensino público de infantil e primaria, o número de nenos e nenas que cursan materias en ou de galego ascende a 884, mentres que nos institutos de educación secundaria a cifra é de 147. A Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada tamén oferta cursos de lingua galega, nos que están matriculadas 65 persoas.

Oferta educativa de galego e en galego

O programa de ensino en galego posibilita que en primaria se poida impartir opcionalmente unha hora e media semanal en galego na área de Coñecemento do Medio e tamén a materia de Educación Plástica, seguindo os mesmos contidos que os alumnos que só estudan castelán. En educación secundaria estúdase opcionalmente Ciencias Sociais en galego en toda a ESO, tamén cos mesmos contidos. Ademais, existe a materia optativa de Lingua e Cultura Galega en 4º da ESO e en 1º e 2º de bacharelato.

Menús News node R