O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria inaugura a terceira edición do Foro de Reitores Hispano- Chineses

Xesús Vázquez Abad presentou o encontro ante 25 representantes universitarios galegos e 30 asiáticos

Lun, 12/04/2010 - 12:35

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe o III Foro de Reitores Hispano- Chineses “Transferencia do coñecemento e emprendemento nas universidades. Cooperación e entendemento entre as universidades chinas e españolas”.

Vázquez Abad compartiu a apertura do encontro co presidente da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), Federico Gutiérrez Solana; o embaixador de China en España, Zhu Baugzoa; o viceministro de Educación de China; o reitor da Universidade de Santiago; e o secretario  Xeral de Universidades, Marius Rubiralta.

Durante a súa intervención, Vázquez Abad lembrou que este encontro “pon de relevo a decisión e crecente importancia que o traballo universitario proxecta sobre todos os ámbitos da vida, máis alá de fronteiras, orixes políticos e ideolóxicos dos cidadáns“­, ao que engadiu que “o traballo académico e universitario cada vez está máis vinculado aos distintos espazos económicos e empresariais”. Neste sentido o conselleiro explicou que “o espírito universitario está neste Foro proporcionando ansia de futuro e vocación de continuidade no momento histórico que nos toca vivir. Un espírito en parte creado no Camiño de Santiago que debería dotar a Universidade de Galicia de perfiles netamente europeos, no camiño dunha incipiente globalidade”.

Novas tecnoloxías

No III Foro reflexionarase sobre a transferencia do coñecemento para axudar ao desenvolvemento social e económico; a apertura de centros de creación e experimentación de investigación a novos axentes sociais, especialmente as empresas, para compartir unha cultura de I+D+I; o establecemento de obxectivos para a investigación de cara ás necesidades relativas ás demandas da sociedade; a creación de novas estruturas de innovación baseadas na colaboración universidade-empresa, e os campus de excelencia; e a promoción dos investigadores e proxectos conxuntos.

Ao longo de todo, o día os 25 reitores españois asistentes aos encontro xunto aos 30 procedentes do país asiático estarán representados pola reitor da Universidade das Illes Balears, Montserrat Casas; e o vicerreitor da East China Normal University, Lin Zaiyong. Todos eles debaterán no Pazo de Fonseca sobre a cooperación e entendemento entre ambos países. Posteriormente presentaranse os sistemas universitarios vixentes tanto en España como en China, e tratarase a responsabilidade social das universidades.

A Universidade de Santiago de Compostela acolle este terceiro foro no que se espera reforzar os compromisos de igualdade, calidade e cooperación establecidos na pasada reunión celebrada en Shanghai hai dous anos. A organización conta coa colaboración dos Ministerios de Educación e Asuntos Exteriores de España e China.

Achegamento cultural

Este evento está enmarcado dentro dun crecente proceso de achegamento cultural, tecnolóxico e artístico que se iniciou en 2003 con a celebración do encontro en Madrid. O acto de hoxe rematará coa visita dos participantes ao Campus de Excelencia Internacional- Campus Vida- da USC e a Cidade da Cultura de Galicia.