O alumnado da Fundación Rof Codina poderá realizar estudos nas instalacións equinas que ten o Proxecto Home As Cernadas

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, presidente da Fundación, asinou un acordo de colaboración entre as dúas institucións

Ven, 09/04/2010 - 12:47

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe como presidente da Fundación Rof Codina un acordo co director do Proxecto Home, Ramón Goméz Crespo, que  permitirá o intercambio entre ambas entidades dos diferentes recursos en beneficio de todos os seus integrantes. Deste modo os membros da Fundación, que desenvolve os labores docentes no campus de Lugo, poderán empregar as instalacións do Proxecto Home, situado nas instalacións equinas das que dispón o Proxecto Home As Cernadas, no Val do Dubra na Coruña.

Deste modo, as dependencias hípicas quedarán abertas para que os alumnos e alumnas da Rof Codina desenvolvan actividades tanto docentes como formativas. Os estudantes poderán profundizar en todo o relativo á reprodución equina.

Pola súa banda a Fundación Rof Codina prestará apoio técnico ao centro hípico, a través dos seus Servizos Clínico- Asistenciais. Deste modo, darán atención en todo o relativo á unidade de équidos, poderán realizar diagnósticos anátomo- patolóxicos, así como análises de mostras e informes técnicos. Asemade, a Fundación colaborará na realización de estudos e informes que demande o Proxecto Home no relativo ás actividades que así o requiran.

Con este acordo a Consellería mostra unha vez máis o seu apoio a todo os proxecto que repercutan no benestar dos estudantes en Galicia. Sendo, ademais, este acordo en beneficio dos integrantes do Proxecto Home e do seu proceso de rehabilitación e reincorporación a sociedade activa, a través da comunidade terapeútica As Cernadas, xa que os animais son unha parte importante nos procesos de recuperación destas persoas. Todo isto dentro do programa asistencial do Proxecto Home, libre de drogas, destinado a axudar as persoas adictas e promovido pola Fundación Monte do Gozo, que tamén desenvolve programas de prevención.

No encontro estiveron presentes o secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación, José Alberto Diez de Castro, e o xerente da Fundación Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz.