942 centros de ensino público recibirán 800.000 euros para realizar actividades que promovan o galego no ámbito educativo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de facer pública a asignación das axudas desta convocatoria para os centros de titularidade pública

Mar, 06/04/2010 - 14:19

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de lles asignar os 800.000 euros de axudas para fomentar o galego no sistema educativo a un total de 942 centros de ensino de toda a comunidade galega.

Por provincias, é Pontevedra a que conta cun maior número de centros subvencionados, un total de 347, que recibirán en conxunto 335.304 euros. No caso da adxudicación de financiamento para A Coruña, que suma 343 centros, esta ascende a 260.385 euros. En canto a Lugo, Política Lingüística destinará para 135 dos centros de ensino público desta provincia 103.190 euros para fomentar o uso da lingua galega. De Ourense, un total de 117 centros accederán aos 96.529 euros que destina a secretaría xeral para esta provincia.

A contía das axudas que Política Lingüística destina á realización de actividades que promovan a lingua galega no ámbito escolar ascende a un total de 878.000 euros. Ademais dos 800.000 euros que percibirán os centros de titularidade pública –cuxa asignación se pode consultar na páxina web de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega–, os de titularidade privada recibirán un total de 78.000 euros para este mesmo fin. O departamento que dirixe Anxo Lorenzo fará pública nos próximos días a resolución coa adxudicación do financiamento para estes últimos centros.

A avaliación das propostas para a promoción do galego

Para a asignación das achegas económicas a cada proxecto presentado, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tivo en conta diversos aspectos. Os principais criterios que centraron a avaliación foron a orixinalidade das propostas, a potenciación das competencias lingüísticas –especialmente as orais– e a utilización de novas tecnoloxías. Outros factores relevantes foron o fomento da colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro para promover o uso da lingua galega na contorna, así como a colaboración con outros centros educativos na realización de actividades. O número de estudantes aos que se dirixe o proxecto e a implicación activa dos membros da comunidade educativa nas actividades propostas constituíron outros aspectos de interese na valoración das iniciativas dos equipos.

Recursos para deseñar un bo proxecto de dinamización

O fomento do galego nos centros de ensino depende da implicación de todos os sectores da comunidade educativa, nomeadamente dos equipos de normalización e dinamización lingüística, principais impulsores das iniciativas de fomento do uso do galego.

Este ano, e por primeira vez, facilitóuselles aos equipos información para a elaboración dos proxectos de fomento do galego desde a páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, onde están dispoñibles os modelos dos traballos mellor valorados en anos anteriores e a iniciativas destacadas dos centros educativos, así como a recomendacións para deseñar un bo proxecto de dinamización.

Formados por profesorado, representantes dos alumnos e persoal non docente, os equipos comezaron a funcionar nos centros de ensino galegos no curso 1990-1991. Actualmente, o seu obxectivo prioritario é fomentar o uso do galego nos centros educativos e ter un papel fundamental no deseño, na posta en marcha e na revisión dos programas de planificación lingüística nos centros. Outra das tarefas que veñen desempeñando os equipos é a de conectar a acción dinamizadora impulsada no sistema educativo coas actividades de fomento do uso do galego que se levan a cabo no contorno social, co fin de sumar sinerxías para darlles pulo á lingua e á cultura galegas.