Os centros de ensino Santo Estevo de Parga e Virxe dos Remedios gañan o concurso-exposición Letras Galegas 2010

Os seus traballos sobre Uxío Novoneyra foron seleccionados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística entre un total de vinte propostas

Lun, 05/04/2010 - 14:35
O traballo Courel do CEIP Santo Estevo de Parga
O traballo Courel do CEIP Santo Estevo de Parga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de resolver o concurso-exposición que convoca con motivo do Día das Letras Galegas, unha iniciativa dirixida a todos os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación. Os traballos presentados polo CEIP Santo Estevo de Parga, de Guitiriz, e polo CPI Virxe dos Remedios, de Castro Caldelas, respectivamente, resultaron os gañadores dun total de vinte propostas.

O traballo Courel, do CEIP Santo Estevo de Parga, foi o seleccionado na categoría de educación infantil e primaria, mentres que o proxecto mellor valorado en educación secundaria foi Uxío Courel, Courel Uxío, presentado polo CPI Virxe dos Remedios. Ambas as exposicións, que están conformadas por un total de quince carteis, teñen como eixe temático a obra, a época e a lingua de Uxío Novoneyra, observada desde unha perspectiva pluridisciplinar. Ademais, contan cunha guía explicativa, que fomenta o achegamento do alumnado ao escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

Impresión e distribución das exposicións gañadoras

Os grupos de traballo que elaboraron as exposicións gañadoras recibirán cadanseu premio en metálico por un importe de 4.000 euros, 1.000 máis que na pasada edición. Ademais, os dous traballos premiados serán imprimidos e distribuídos en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior, como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.

Conmemoración do Día das Letras Galegas

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo quere sumarse ás iniciativas que están a conmemorar o Día das Letras Galegas 2010 a través deste concurso, que ten como obxectivos prioritarios potenciar o estudo da obra e da época do escritor de Lugo, propiciar a reflexión sociolingüística sobre esta etapa histórica e fomentar a valoración das contribucións individuais e colectivas á dinamización da lingua galega.

Impulsar a realización de actividades que favorezan a colaboración interdepartamental e que potencien a implicación activa do profesorado e enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega son outras das finalidades que persegue a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do Concurso-Exposición Letras Galegas 2010.

Menús News node R