Preto de 5.000 estudantes galegos solicitaron unha das prazas nos cursos que educación convoca para a aprendizaxe de linguas estranxeiras do verán 2010

Este ano foron convocadas máis de 3.000 prazas para estudantes de primaria, secundaria e bacharelato, o que supón un 16% máis que no 2009

Sáb, 03/04/2010 - 14:29

Preto de cinco mil estudantes galegos xa solicitaron as axudas para optar a unha das 3.077 prazas para as actividades de aprendizaxe de linguas estranxeiras no verán de 2010. A convocatoria para as mesmas foi publicada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o pasado mes de febreiro.

Isto significa que o novo programa presentado pola administración conta co respaldo da sociedade, que ata o de agora case duplicou co número de solicitudes ás vacantes dispoñibles. Nesta edición os cursos inclúen como principais novidades a posibilidade de acceder a un ‘pueblo inglés’ que permitirá aos estudantes vivir falando unicamente en lingua inglesa sen saír de España.

Por outra banda, por primeira vez este ano non só se realizaran as actividades entre xuño e agosto, senón que tamén se desenvolverá unha quenda no primeiro trimestre do curso 2010-2011. Isto permitirá aos nenos e nenas galegos vivir máis de cerca o sistema educativo noutro país, xa que estarán dentro das rutinas dos estudantes estranxeiros. Os nomes dos beneficiados das achegas para a mellora en idiomas daranse a coñecer na dirección web http://www.edu.xunta.gal/axudasle.

Máis oportunidades

Con esta iniciativa a nova Xunta demostra o seu interese pola formación en idiomas do alumnado galego, incrementando en 427 o número de prazas respecto do ano pasado. Isto supón un aumento do 16% respecto de 2009, e alcanza a cifra máis elevada desde a creación dos programas de aprendizaxe de outros idiomas.

Estas cifras acádanse grazas á mellora da xestión dos recursos económicos realizada pola Consellería, que con menos orzamento que en 2009 dá esta valiosa oportunidade de mellorar as competencias en linguas estranxeiras a máis estudantes. Educación traballa nestes modelos educativos a través dos que se garante a calidade dos cursos impartidos e o nivel educativo para os alumnos e alumnas galegos. Este plan, en liña coas recomendacións do Consello de Europa en materia de linguas, establece entre as súas finalidades fomentar o coñecemento de idiomas co obxecto de que o alumnado galego adquira unha competencia plurilingüe. Respecto ás medidas recollidas polo plan, unha das súas principais accións é a promoción e desenvolvemento de estadías de escolares galegos e galegas noutros países, co fin de crear no alumnado a necesidade de empregar idiomas para comunicarse e para utilizalos en contextos reais, poñendo en valor a educación desde unha perspectiva intercultural.

Criterios de valoración

A oportunidade que dá a Consellería de aprender e mellorar os coñecementos en inglés, francés e alemán está destinada a os estudantes de 6º de educación primaria, 1º, 2º, 3º, 4º de educación secundaria obrigatoria; e 1º e 2º de bacharelato, que están a cursar os seus estudos en centros educativos sostidos con fondos públicos da comunidade autónoma de Galicia.

Das preto de dez mil solicitudes presentadas, algo máis de cinco mil reuniron os requisitos da convocatoria, cumprindo co requisito mínimo de ser de estudantes que teñen aprobadas todas as materias do curso 2008-2009, ademais dunha cualificación mínima de ‘Ben’ o alumnado de educación primaria,  e de 6 o de educación secundaria obrigatoria e o de bacharelato, na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía. Por outra banda, as axudas serán concedidas tendo en conta a media obtida no curso, e a situación familiar tanto social como económica, entre outros factores.

Destinos

No caso das estadías en Canadá, estas terán unha duración de tres ou catro semanas. En total serán 420 estudantes de 1.º e 2.º de bacharelato os que terán a ocasión de viaxar ao continente americano. Trescentas vinte prazas son para os que opten polo inglés, e o outro centenar para os que escollan o francés. O custo por cada alumno será de entre 2250 e 2.850 euros, dos que as familias achegarán entre 310 e 350 euros.

Os cursos de inglés en Europa están destinados a 920 alumnos matriculados en 3.º e 4.º de ESO, que se distribuirán entre Irlanda e Reino Unido, tamén en quendas de tres semanas. Neste caso, o custo por alumno será de entre 1.400 e 1.890 euros, dos que cada un achegará de 150 a 175 euros. Os 300 seleccionados para estudar francés no país galo terán as mesmas condicións económicas. A estes engádense 12 alumnos e alumnas que mellorarán os seus coñecementos en alemán durante tres semanas.

Por outra banda, 200 alumnos e alumnas de 2º de ESO mellorarán as competencias en inglés asistindo a un “Pueblo Inglés”, cun custe de 1.400 euros do que os pais aboarán 150 euros. Para os estudantes de 1º de ESO haberá 395 prazas para as clases de inglés que se impartirán durante dúas semanas noutras comunidades autónomas, nas que se aloxarán nunha residencia ou campamento. O custo é de 1000 euros e as familias contribuirán con 120. Do mesmo modo, 850 prazas están destinadas para os estudantes de 6º de Educación Primaria que realizarán o curso dentro de Galicia, por 500 euros, dos que as familias só aboarán 60.

As novidades de 2010

Os beneficiados destas achegas terán cubertos o gastos dunha viaxe na que estarán acompañados por monitores e monitoras, así como os gastos de docencia e material escolar, as actividades deportivas, culturais e complementarias dos cursos; e os gastos de mantemento e aloxamento.

O propósito do ambicioso programa de aprendizaxe de linguas estranxeiras non é só que os asistentes aprendan idiomas, senón que este idioma o apliquen durante todo o día nas diversas actividades que está previsto que se realicen, nas que se inclúen competicións deportivas, xogos, obradoiros e excursións. Todo isto permitirá darlles unha formación lingüística, social e cultural. Así, este programa permitiralle aos alumnos e alumnas formarse non só en competencias lingüísticas, senón tamén como persoas.

Con esta convocatoria Educación quere potenciar as competencias en comunicación lingüística do alumnado, o que favorecerá a súa incorporación á sociedade activa, que esixe cada vez máis o coñecemento de linguas estranxeiras.