A consellería de Educación logra unha redución do 7% no prezo do transporte escolar grazas a un concerto asinado cos transportistas

Ao abeiro deste acordo, as empresas verán prorrogados os seus contratos de forma automática ata 2020

Mér, 31/03/2010 - 14:05

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria logrou unha redución do 7% no prezo do transporte escolar, grazas a un concerto-marco asinado coas asociacións e federacións de transportistas que prestan este servizo educativo complementario en Galicia. Deste xeito, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad dá cumprimento ao artigo 2 da Lei 5/2009, do 26 de novembro, de medidas urxentes para a modernización do sector de transporte público de Galicia, que autorizou a Consellería a asinar este concerto para dar aos contratos a máxima vixencia, neste caso ata 2020; e minorar os seus importes.

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace a esta sinatura, coa que se dá resposta á situación económica actual, que obriga a todos os interlocutores sociais a buscar medios que conxuguen unha optimización dos servizos e medios públicos. Neste eido é de capital importancia o transporte escolar, actividade que supón un custo para as arcas públicas superior ao sufragado por calquera outra comunidade autónoma, ao representar un 22% do total do gasto neste servizo en todo o Estado.

En virtude do concerto asinado, establécese unha prórroga automática das contratacións, de carácter anual, que se producirá de xeito sucesivo ata o 31 de decembro de 2020. Como consecuencia, conséguese unha redución do importe, xa neste ano 2010, dun 7% con respecto do que se aboara neste concepto no 2009. A cantidade aforrada servirá para mellorar outros eidos do sistema educativo.

O servizo de transporte escolar constitúe un instrumento efectivo para loitar contra a diseminación xeográfica e o tradicional illamento dos núcleos rurais galegos, de xeito que resulta imprescindible para asegurar o acceso dos rapaces á ensinanza sen as limitacións do desarraigo familiar. Con este concerto-marco, a Consellería de Educación demostra unha eficaz xestión, mantendo a calidade na prestación do servizo e conseguindo, ao tempo, un aforro importante, que permitirá poder mellorar outros eidos do sistema de ensino galego. Ademais, queda patente a responsabilidade das empresas dedicadas á prestación deste servizo, que asumiron como compartida coa Administración a tarefa de mellorar, racionalizar e optimizar o transporte escolar.