A Consellería de Cultura e Educación implanta as ensinanzas de bacharelato semipresencial no Centro Penitenciario de Teixeiro

Máis de 300 internos reciben actualmente atención educativa cada curso escolar no centro EPA de Teixeiro

O modelo da Consellería dirixida Vázquez Abad permitirá que os internos reciban unha educación presencial e máis personalizada

Sáb, 01/09/2012 - 11:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a autorización para as ensinanzas de bacharelato semipresencial no centro EPA de Teixeiro, onde actualmente máis de 300 internos reciben atención educativa cada curso escolar no centro de educación de adultos con sede na entidade penitenciaria.

Nos últimos anos víñase producindo unha demanda de ensinanzas de bacharelato entre os internos de Teixeiro. O alumnado que desexaba continuar os seus estudos matriculábase na modalidade a distancia telemática no IES San Clemente, ubicado en Santiago de Compostela, que coordina a oferta para toda a comunidade. Porén as especificidades do alumnado destas institucións, que esixen unha atención moi característica supoñían unha dificultade no devandito modelo, pola súa vinculación co uso de internet.

Por esta razón Cultura e Educación decidiu autorizar as ensinanzas de bacharelato semipresencial no centro EPA de Teixeiro, onde máis de 300 internos reciben atención educativa cada ano. Esta iniciativa xa leva funcionando dous cursos no centro EPA da Lama (Pontevedra), no que máis de 30 alumnos seguiron estas ensinanzas. Así, a partir do curso 2012-13, os alumnos de Teixeiro que dispoñan do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, terán a oportunidade de continuar os seus estudos en bacharelato na modalidade semipresencial. O alumno terá unha atención presencial do profesorado dunha hora e trinta minutos semanais por cada materia na que estea matriculado. Será o propio profesorado do centro o que impartirá as clases, realizará as avaliacións e cualificará ao alumnado.

Un factor fundamental no proceso de inserción social dos reclusos é o acceso á cultura, que actúa coma un axente de revalorización persoal e mellora a rehabilitación dos internos. Estas iniciativas promovidas pola consellería de Educación, evidencian o interese do alumnado destas institucións por adquirir novos coñecementos e experiencia.