Preto de 7.000 persoas realizan as probas de acceso a ciclo superior de Formación Profesional en Silleda

Este ano preséntanse aos exames 2.300 aspirantes máis que na convocatoria anterior
Sáb, 27/03/2010 - 19:22

Preto de 7.000 aspirantes reúnense hoxe para realizar as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior, convocadas hoxe no pavillón número 1 de Silleda, de forma centralizada. Esta cifra - 6.953 inscritos- supón un incremento de uns 2.300 participantes con respecto ás probas do ano pasado. Dos inscritos,  6.719 participantes  - o 96,2 %-  son galegos e galegas; mentres que o 3,8% restante - 266 participantes-  procede de outras Comunidades Autónomas.

Estas probas constitúen unha importante vía de acceso aos estudos de ciclo superior de Formación Profesional, xa que están dirixidas a aquelas persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder ao grao superior. Deste xeito, facilítase o acceso a quen teñan cumpridos dezanove anos ou os cumpran no ano natural de celebración da proba; ou cumpran ou teñan cumpridos dezaoito anos no ano natural de celebración da proba, sempre e cando dispoñan dun título de técnico - grao medio- que pertenza a algunha familia profesional incluída na opción que quere cursar en ciclo superior.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, desprazouse ata Silleda para supervisar o proceso polo que se desenvolven estes exames. Durante a súa visita ao pavillón, o director xeral amosouse satisfeito por que “un evento desta magnitude, tan complexo de organizar, se estea a desenvolver con total normalidade”. Por este éxito, felicitou ás máis de 140 persoas que contribuíron hoxe á organización e vixilancia das probas de acceso, na súa gran maioría persoal da Dirección Xeral da que José Luis Mira é responsable.

Unha aposta pola Formación Profesional

 O director xeral de Educación destacou en Silleda que o incremento dos inscritos nestas probas deixa patente que a Formación Profesional xa non está a ser “unha opción mais para as persoas” senón que se está mostrando “como unha prioridade”.

Neste sentido, lembrou que a Educación está a desenvolver a normativa precisa para dispor “dunha oferta formativa flexible e de calidade, que dea resposta aos intereses das persoas, pero sobre todo ás NECESIDADES do TECIDO PRODUCTIVO de Galicia”. Non en balde, a Consellería conta cunha rede de 252 centros nos que se imparten ciclos formativos, dos cales 11 son Centros Integrados de FP, que imparten ademais formación para o emprego, contribuíndo á cualificación e recualificación das persoas ao longo da vida.

“A cualificación das persoas, a través dos ciclos formativos da Formación Profesional, estase a mostrar como unha vía importantísima para a inserción laboral e a mellora da produtividade e da competitividade das nosas empresas, sen esquecer, a preparación para o traballo por conta propia como autónomo”, resumiu José Luis Mira.

Desenvolvemento dos exames

A proba á que se deben someter hoxe os aspirantes consta de dúas partes. A primeira delas, a común, organízase en tres materias, lingua galega, lingua castelá, e matemáticas. Na parte específica, os candidatos deben demostrar os seus coñecementos sobre dúas das tres materias vencelladas á opción elixida no momento da inscrición na proba. Tres eran as opcións posibles para o alumnado, unha delas unida ás materias de economía da empresa, lingua estranxeira (inglés ou francés), e filosofía e cidadanía; outra ás de debuxo técnico, tecnoloxía industrial e física; e unha terceira vinculada ás ciencias da terra e ambientais, química e bioloxía.

As persoas inscritas puideron solicitar a exención da parte específica da proba acreditando  ter superado un ciclo formativo de grao medio que pertenza a algunha das familias profesionais incluídas na opción pola que se presenta; dispor dun certificado de profesionalidade de nivel 2 ou superior dalgunha das familias profesionais incluídas na opción pola que se presenta; ou ter, como mínimo, un ano de experiencia laboral en xornada completa en campos profesionais que se correspondan cos estudos que se pretenda cursar.