A Consellería de Cultura e Educación concede 20 Premios Extraordinarios de Bacharelato 2011/2012 en toda Galicia
Este galardón supón o recoñecemento do esforzo e a dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, algunha das modalidades de bacharelato no sistema educativo galego.
Os premiados, cuxa lista publica hoxe o DOG, poderán optar aos Premios Nacionais e percibirán ademais unha contía de 1000€ e a exención do pagamento dos prezos públicos polos servizos académicos no primeiro curso dos estudos superiores
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder a 20 alumnas e alumnos galegos os Premios Extraordinarios de Bacharelato, correspondentes ao curso 2011/2012. Ditos premios, supoñen o recoñecemento do esforzo e a dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, algunha das modalidades de bacharelato no sistema educativo galego.
Na lista de premiados, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, figuran, pola provincia da Coruña, Miguel Rodríguez Raposo e Miguel Jerónimo Múgica de Rivera, do CPR Manuel Peleteiro; Manuel Antonio Paradela Maceiras, do IES Eduardo Pondal; Eduardo Iraola de Acevedo, do CPR Plu. Salesiano S. Juan Bosco; Emma Fernández Galego, do CPR Hijas de Cristo Rey; María Luisa Iglesias Taboada, do CPR Santa María del Mar; Berta Fernández Rosón, do CPR Plu. La Salle; e Andrea Mosquera Alonso, do IES Sofía Casanova.
Na provincia de Lugo foron premiados Beatriz Sanjurjo Lamela do IES N. Sra. dos Ollos Grandes e Aida Albertos Goyos do IES Dionisio Gamallo Fierros; mentres que en Pontevedra foron galardoados Adrián Viéitez Torrado, do IES Santa Irene; Alberto Escobar Rivas, do IES Sánchez Cantón; e Inés María Rodríguez Naz, do IES Alexandre Bóveda. Dos alumnos representados pola provincia de Ourense, recoñeceuse o traballo de Jorge Boán Pérez, do IES Eduardo Blanco Amor; Alejandro Dopereiro Domínguez, do IES Eduardo Blanco Amor; Emma Pereira Arias, do IES Eduardo Blanco Amor; Xoel López Barata, do CPR Santa Teresa de Jesús; Nieves Bayón Fernández, do IES As Lagoas; Ramón Garrido González, do CPR Sek-Atlántico; e de Óscar Rivero Salgado, do IES Cidade de Antioquia.
Recoñecemento do afán de superación
Cada un dos 20 premios está dotado cunha contía de 1000€ e coa exención do pagamento dos prezos públicos polos servizos académicos no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público segundo se estableza na normativa vixente para o curso 2012-2013. Esta distinción figurará ademais no expediente académico do alumno e se lle entregará a cada un deles un diploma acreditativo que outorga a posibilidade de concorrer tamén aos premios nacionais de bacharelato.
Nesta última edición, na que participaron un total de 721 alumnos distribuídos en 78 centros da provincia de A Coruña, 25 de Lugo, 16 de Ourense e, por último, 69 de Pontevedra; resultaron gañadores 8 alumnos de centros da Coruña, 2 de Lugo, 6 de Ourense e 4 da provincia de Pontevedra.
O recoñecemento e valoración dos premios extraordinarios pretende estimular os comportamentos excepcionais dos alumnos e alumnas do sistema educativo galego en aras de incrementar a excelencia académica.
Probas
Os Premios Extraordinarios de Bacharelato, están dirixidos ao alumnado que finalizou os seus estudos de bacharelato durante o pasado curso 2011-2012 en calquera centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha cualificación final media nos dous cursos de bacharelato igual ou superior a 8,75 e que obtivo as mellores cualificacións nas probas realizadas o pasado 25 de xuño de 2012 nas que optaban a ditos premios.
Nestas probas, os aspirantes superaron un exercicio que constaba de dúas partes. Na primeira parte, o alumnado tiña que desenvolver a análise e o comentario crítico dun texto de carácter xeral, histórico, filosófico e literario e na resposta a cuestións de carácter cultural e lingüístico sobre un texto en lingua estranxeira. A segunda, desenvolvía temas, respostas a cuestións e exercicios prácticos dunha materia da modalidade cursada.