Bolseiros de diversos países participan en proxectos sobre a lingua e a cultura galegas do Centro Ramón Piñeiro

Os investigadores reuníronse hoxe co secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, quen se interesou por coñecer as súas experiencias

Mér, 25/11/2009 - 14:12
Bolseiros reunidos co secretario xeral de Política Lingüística
Bolseiros reunidos co secretario xeral de Política Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, reuniuse hoxe cos doce bolseiros de estadías que actualmente colaboran en proxectos que ten en marcha o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os investigadores, que deben ser licenciados e licenciadas ou estudantes dos dous últimos anos de licenciatura de universidades de fóra de Galicia, proceden de Italia, Brasil, Santiago de Chile, Romanía, Salamanca, Madrid e Barcelona.

Anxo Lorenzo interesouse polo traballo que estes bolseiros están a realizar no Centro Ramón Piñeiro -entidade que forma parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística- a través da súa colaboración en diversos proxectos e destacou a importancia das súas achegas ás investigacións sobre lingua e cultura galegas.

Os beneficiarios destas prazas de estadías que convoca anualmente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria realizan o seu traballo durante un período mínimo de dous meses e un máximo de sete.

Temas de investigación

Entre os criterios que se teñen en conta á hora de seleccionar os bolseiros de estadías figuran a titulación e o expediente académico, o currículo e a experiencia investigadora en traballos semellantes e mais o plan de traballo que deben presentar relacionado cos proxectos de investigación que se pretenden levar a cabo no Centro Ramón Piñeiro. Estes traballos de investigación para os que se convocan as prazas de estadías son Fraseoloxía galega, Dicionarios de literatura, Tradución automática, Bibliografía de lingüística galega (Bilega), Análise morfolóxica e sintáctica automática, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Estudos de terminoloxía, Edicións facsimilares de revistas literarias e prensa da emigración galega, Recuperación de textos literarios galegos ou a Base de datos do Atlas Lingüístico Románico, entre outros.

Proxección exterior do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro, convoca desde 1997 estas bolsas de estadías para aquelas persoas de fóra de Galicia que desexen desenvolver estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos sobre o idioma galego. A través de iniciativas coma esta, a Xunta de Galicia busca potenciar a proxección exterior da lingua e a cultura galegas, así como establecer un punto de conexión cos estudos que se están a realizar sobre esta materia fóra de Galicia.