Anxo Lorenzo defende no Parlamento os principios do proxecto de decreto para o plurilingüismo

“A finalidade deste novo marco normativo é lograr que o alumnado remate a súa formación cun dominio efectivo nas dúas linguas oficiais”, afirmou o secretario xeral

Xov, 25/03/2010 - 19:32

“O principal obxectivo do novo decreto é lograr que o alumnado remate a súa formación cun dominio efectivo das dúas linguas oficiais”. Así o afirmou o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, durante a súa comparecencia hoxe pola tarde no Parlamento de Galicia, onde respondeu unha pregunta sobre o proxecto de decreto para o plurilingüismo no sistema non universitario de Galicia e outra sobre a lingua dos paneis de mensaxe variable nas estradas e autoestradas de Galicia, ambas formuladas polo grupo parlamentario do BNG.

O responsable de Política Lingüística incidiu na Cámara galega nos principios fundamentais do proxecto de decreto, que garanten, ademais da competencia plena e semellante nas dúas linguas oficiais de Galicia, o equilibrio cualitativo e cuantitativo entre galego e castelán, a competencia efectiva en lingua(s) estranxeira(s) e o fomento do galego. Uns principios fundamentais que, segundo defendeu Anxo Lorenzo, “permiten visualizar un punto de encontro que restableza o consenso social arredor do tema da lingua”.

O secretario xeral amosouse convencido de que “o novo marco normativo que se establece no proxecto de decreto para o plurilingüismo responde á vontade da gran maioría da sociedade galega” e é asumible tamén polos votantes do PSOE e por parte dos do BNG.

Labor transversal para fomentar o galego

Ademais, Anxo Lorenzo destacou que “a lingua galega é un patrimonio de toda a cidadanía de Galicia e, por iso, o seu impulso e a súa protección deben ser un labor transversal de Goberno, que vaia máis alá do ámbito educativo”. Neste sentido, recordou que durante o 2009, o departamento que dirixe desenvolveu máis de 100 medidas do Plan xeral da lingua galega, co fin de ampliar os espazos de uso do galego nos principais sectores sociais.

O primeiro manual de condución en lingua galega

Durante a súa intervención respecto do tema de tráfico, Anxo Lorenzo informou de que a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten como un obxectivo avanzar na promoción e na dinamización real do galego neste ámbito, “no que aínda queda un longo camiño por percorrer”. “Neste sentido –dixo Anxo Lorenzo– é vontade do departamento que dirixo botar a andar os trámites necesarios para a elaboración do que será o primeiro manual de condución en galego”.

“Este obxectivo –dixo finalmente–, que é preciso levar adiante en colaboración con todos os organismos competentes na materia, inserirase no marco doutras actuacións de promoción da lingüística que ten vontade de levar a cabo a secretaría xeral co fin de garantir unha maior visibilidade social para o galego desde o ámbito das autoescolas e das escolas de condución”.