A Consellería de Educación formará aos coordinadores TIC dos centros para a integración das novas tecnoloxías no ensino

As accións formativas están incluídas no Proxecto ABALAR, estratexia de implantación das TIC no sistema educativo

Mar, 23/03/2010 - 13:50

Os coordinadores de TIC dos centros educativos galegos comezarán a recibir formación para o axeitada integración das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, a través do Proxecto ABALAR, a estratexia para a súa implantación no sistema educativo galego. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, no Parlamento de Galicia, nunha comparecencia na que relatou as vantaxes que vai supor esta iniciativa para o desenvolvemento do labor docente e administrativo do profesorado galego.

“A formación dos docentes é fundamental, porque estamos ante un dos principais axentes da implantación das TIC no sistema educativo. Por iso, queremos que non se sintan sós e que teñan a posibilidade de adquirir un dominio básico da tecnoloxía para superar o rol de simple informante e usuario de ferramentas informáticas ou multimedia para converterse nun administrador de coñecemento”, explicou Vázquez Abad.  Con este compromiso, unha vez se coñezan os centros que impartan ensinanzas de 5º de Primaria e 1º da ESO e que implantarán o proxecto na súa primeira fase, comezará o proceso de actividades formativas. Unhas acción que, tal e como indicou o conselleiro de Educación “nun primeiro momento, estará centrado nos coordinadores de TIC de cada centro para, posteriormente, abranguer de xeito continuado aos equipos docentes”.

Facilitar o labor docente

De acordo con este programa, os coordinadores de TIC e os docentes recibirán formación, de xeito presencial e a distancia, sobre os recursos tecnolóxicos dispoñibles, sobre o uso didáctico e pedagóxico dos mesmos e sobre o deseño e posta en común de contidos. Con recursos formativos para accións presenciais e accións a distancia, os coordinadores TIC, arredor de 200 na primeira fase, serán os encargados de desenvolver actividades formativas en cada centro, de xeito que as estimacións apuntan a que se chegará a uns 2.500 docentes no primeiro ano de implantación do Proxecto ABALAR.  

O obxectivo é que adquiran as competencias para poder tirar o máximo aproveitamento da implantación das novas tecnoloxías no ensino, a través dos recursos dixitais e as posibilidades de seguimento académico que vai abrir a plataforma web do proxecto, ‘Espazo ABALAR’, que estará dirixida tamén ás familias e ao alumnado.

Neste sentido, Vázquez Abad destacou que esta web “constitúese como unha ferramenta encamiñada a facilitar a labor diaria do profesorado, tanto no eido docente, como no administrativo”. Así, no seu labor docente, o profesorado disporá dun conxunto de recursos e aulas virtuais que poderá empregar no día a día na clase. Nesta tarefa será fundamental o papel do Repositorio de Contidos Educativos, onde o profesorado poderá atopar recursos didácticos curriculares e complementarios cos que adaptar os seus métodos pedagóxicos aos novos desafíos da Sociedade da Información, e intercambialos cos docentes de outros centros de Galicia e mesmo de outras Comunidades Autónomas. Deste xeito, a Consellería de Educación “pon en  valor a capacidade e as competencias do cadro de docentes que traballa en Galicia e fomenta a súa actitude colaborativa”, destacou Vázquez Abad.

Por outra banda, o espazo destinado aos docentes na plataforma web de ABALAR facilitará a parte administrativa do seu traballo, simplificando procesos como a introdución de datos nos expedientes do alumnado, abrindo novas canles de comunicación cos alumnos, as familias, a dirección do centro e o resto do profesorado. Ademais, a web vai poñer ao seu dispor ferramentas moi demandadas polo profesorado como o ‘Caderno do Profesor’, no que atopará ferramentas para o control da asistencia do alumnado, o diario de clase, as tarefas e traballos asignados aos alumnos, etc. Parte desta información estará tamén dispoñible para as familias, de tal forma que poidan seguir de cerca o desenvolvemento académico dos seus fillos.

“O obxectivo que se persegue ABALAR é o cambio do modelo educativo galego, mellorando a súa eficiencia, eficacia e modernización. Non estamos a falar só de facilitar ordenadores, programas ou contidos, queremos afondar no uso dos mesmos, na formación para poder usalos”, resumiu o conselleiro de Educación.

“Queremos unha Galicia preparada”

A primeira fase do Proxecto ABALAR suporá unha inversión de máis de 12 millóns de euros, e aproveita os recursos que a Administración Xeral do Estado propón ás Comunidades Autónomas no marco do proxecto ‘Escuela 2.0'’para alcanzar o seu obxectivo no menor tempo posible. Desta forma, a Xunta de Galicia asume dous terzos da contía prevista, mentres que a contribución económica feita polo Ministerio, por valor de 4,3 millóns de euros, o que supón o outro terzo restante.

Na súa primeira fase de implantación, o próximo curso 2010/2011, arredor de 14.500 alumnos e alumnas de 5º de Primaria e 1º da ESO poderán mellorar as súas competencias dixitais grazas á chegada de ABALAR aos seus centros educativos. O proxecto, que se estenderá de maneira progresiva a súa actuación ata 2013, dotará xa neste primeiro ano de equipamentos e dispositivos informáticos a máis de 700 aulas, distribuídas en máis de 200 instalacións educativas de Galicia. De feito, a Consellería de Educación sacará a concurso nos próximos días a subministración e servizo técnico de 15.000 ultraportátiles para o uso do alumnado, un procedemento que se vai desenvolver baixo os criterios de publicidade e transparencia

A implantación do proxecto “será progresiva pero, ao longo desta lexislatura, ABALAR aspira a achegar as TIC a máis de 1.000 centros educativos e a 87.000 alumnos”, explicou o conselleiro de Educación. "Pensamos que era hora de que a construción do coñecemento superase o enfoque da mera repetición de contidos e que se aplicaran estratexias de ensino-aprendizaxe innovadoras que propicien máis ben a construción do saber”, engadiu. 

“Queremos unha Galicia preparada. Preparada para afrontar os grandes retos que as galegas e galegos deste século teñen por vivir nun mundo global e nunha Sociedade da Información”, resumiu Vázquez Abad.