Educación inviste este verán máis de 300.000 euros en obras de acondicionamento e mellora dos centros de ensino da comarca da Coruña

As actuacións da Xunta concéntrase nos centros de Infantil e Primaria e de Secundaria dos concellos de Arteixo, Cambre, A Coruña, Culleredo, Oza dos Ríos e Sada

Ven, 27/07/2012 - 14:23

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a realizar este verán obras de mellora en 14 centros de ensino da comarca Coruña, cun investimento que supera os 326.000 euros. Estas actuacións estanse a desenvolver en colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e institutos de Educación Secundaria (IES) de seis concellos: Arteixo, Cambre, A Coruña, Culleredo, Oza dos Ríos e Sada.

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, explicou que a execución das obras nos distintos centros de ensinanza estanse a levar a cabo durante o período non lectivo e estarán rematadas antes do comezo do curso escolar co fin de evitar interferencias no desenvolvemento normal da actividade académica. Na mesma liña, recordou que no conxunto da provincia, o Goberno galego destinará 1,5 millóns de euros a acondicionar un total de 67 centros de ensino de cara o vindeiro curso.

Na cidade da Coruña, xa comezou o arranxo das fiestras da fachada de Riazor do CEIP Eusebio da Guarda. Trátase dunha intervención á que a consellería destinará 53.509 euros. Ademais, no centro integrado de FP (CIFP) de Someso estase a reparar a cuberta, mentres que no IES Salvador de Madariaga arrancaron os traballos para renovar a estrutura de forxado no soto. A partida para estes dous proxectos é de 19.220 euros.

Actuacións en cinco concellos máis

Por outra banda, no CEIP Galán, de Arteixo, o departamento autonómico destina 26.042 euros á renovación da instalación eléctrica e á adaptación de seis das súas aulas para a implantación do Plan Abalar. No municipio tamén se está a traballar para arranxar a fachada, as fiestras e a cuberta do ximnasio do CEIP Ponte dos Brozos, cun investimento de preto de 59.000 euros. No relativo ao ensino en Secundaria, a Delegación Territorial prevé que nos vindeiros días no IES de Sabón se inicien as labores de colocación dunha rampla para facilitar o acceso á zona traseira para as que Educación destinará 10.000 euros. A todas estas actuacións hai que engadir os 13.786 euros investidos na mellora da instalación eléctrica no CEIP San Xosé Obreiro, que concluíu hai uns días.

A Consellería tamén está a introducir os cambios necesarios para adaptar á normativa vixente o ascensor do colexio de Educación Infantil e Primaria Wenceslao Fernández Flórez, de Cambre. Neste centro, xa remataron tamén outras tarefas relacionadas coa reparación do grupo electróxeno. Pola súa banda, no CEIP Gonzalo Torrente Ballester do municipio cambrés xa finalizaron as obras correspondentes á mellora da instalación eléctrica, que supuxeron un investimento de 13.473 euros.

En Culleredo, no CEIP Plurilingüe de Tarrío acaban de rematar os traballos de adecuación da instalación eléctrica, cos que se destinaron preto de 10.000 euros. En breve, Educación iniciará as obras de adecuación da antiga vivenda do director do IES Universidade Laboral para destinala a usos académicos. Este proxecto terá un custe de 32.389 euros.

O departamento autonómico tamén ten previsto levar a cabo varios proxectos en dous centros educativos do municipio de Sada, que recibirán unha aportación de 52.521 euros. Por unha banda, repararase a cuberta do patio do CEIP O Mosteirón, e, por outra, arranxarase a instalación eléctrica do instituto de Educación Secundaria Isaac Díaz Pardo.

O programa de obras de acondicionamento das infraestruturas escolares da comarca coruñesa complétase coa instalación de varias ramplas no CEIP de Oza dos Ríos co fin de mellorar a accesibilidade ás instalacións. Para este proxecto, Educación consignou unha partida de 34.523 euros.

Con estas actuacións, indicou Do Campo, a Xunta “dará resposta ás necesidades educativas destes concellos, cumprindo o compromiso adquirido coas comunidades educativas dos colexios e institutos, coas que se consensuaron estas medidas”. Neste senso, a representante do Goberno galego na provincia subliñou que “a Xunta traballa para seguir avanzando na adecuación das infraestruturas co fin de continuar mellorando as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos”.