Máis de 190 centros educativos comezarán o novo curso académico con conexións a internet con velocidades de 100 megas grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica completará nas vindeiras semanas a implantación desta tecnoloxía punteira en 4 centros que se suman aos 187 que xa dispoñen desta conexión ultrarrápida

As Redes de Nova Xeración permiten un acceso ata dez veces máis rápido aos diferentes recursos na Rede e o acceso simultáneo de máis usuarios

Esta actuación intégrase no Plan de Banda Larga que está a despregar infraestruturas de telecomunicación para que tanto os centros administrativos como os cidadáns poidan acceder a un servizo de Internet de calidade

Mar, 28/08/2012 - 12:24
Plan de Banda Larga
Plan de Banda Larga

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) completará nas vindeiras semanas a implantación de redes de nova xeración con 100 Mbps de velocidade en 4 centros educativos das provincias de Coruña, Pontevedra e Lugo, que se suman aos 187 centros aos que xa se lles facilitara o acceso a esta tecnoloxía no último ano.

A mellora destas infraestruturas de telecomunicación posibilita, ademais do incremento da velocidade de conexión, o acceso simultáneo dun maior número de usuarios e a posibilidade de traballar cun maior número de aplicacións informáticas.

Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e de colocar á comunidade educativa na vangarda do progreso, con proxectos como o ABALAR para integrar as TIC no sistema educativo.

A mellora da conectividade dos centros educativos é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) coas velocidades máis punteiras.

A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada e quintuplicar a velocidade de subida. Deste xeito o alumnado poderá ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; poderán conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permitirá o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.

Plan de Banda Larga

Para o desenvolvemento de proxectos como ABALAR e para a integración das TIC en todos o ámbitos administrativos é fundamental contar infraestruturas de telecomunicación adecuadas. Por iso, a Xunta puxo en marcha ano o Plan de Banda Larga 2010-2013, que posibilitará que tanto os centros administrativos como os cidadáns teñan acceso a un servizo de Internet de calidade que lles permita integrarse de xeito efectivo na sociedade da información.

Unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps. O obxectivo final desta actuación é darlle cobertura a máis de 1 millón de habitantes con estas redes punteiras, que permiten fornecer servizos innovadores, mellorar a calidade ofrecida ao cliente e adaptarse máis rapidamente ás novas Tecnoloxías da Información e Comunicación.

Menús News node R

Departamento

Colectivo

Tema