Oito centros galegos de formación profesional participan na 9ª feira internacional de empresas simuladas, en Barcelona

A Consellería de Educación, en colaboración con BIC Galicia, impulsa a presenza galega neste evento

Mar, 16/03/2010 - 18:51

Oito centros galegos que imparten ensinanzas de formación profesional participan na 9ª feira internacional de empresas simuladas, que se celebra en Barcelona do 17 ao 19 de marzo, grazas ás actuacións de fomento do espírito emprendedor en Galicia que realiza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Centro
Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia), dependente da Consellería de Economía e Industria.

Esta feira que se celebra cada dous anos forma parte do programa FP SIMULA, dirixido ao alumnado de formación profesional. Nela, os representantes galegos - oito centros e 26 alumnos e alumnas acompañados polos seus respectivos profesores- exporán as empresas virtuais creadas e xestionadas en Galicia, a través de FP SIMULA. A expedición galega de Galicia amosarán diversas actividades económicas tales como téxtil, informática e comunicación, hostalaría, distribución, imaxe, ou turismo, entre outras.

No tocante ás empresas simuladas, o IES Fernando Wirtz (A Coruña) presenta Téxtil Wirtz S.L.S., de confección e venda de prendas de roupa exterior, vinculada ao ciclo superior en Administración e finanzas. Tamén en relación con este ciclo formativo, o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol acude á feira con Mobles Ucha S.L.S, de comercialización de mobles; o IES Portovello de Ourense presenta Balnearios Portovello S.L.S, empresa de servizos de hostalaría, hidroterapia e venda de produtos cosméticos; o IES A Guía de Vigo explicará a creación de Gallaecia de distribucións S.L.S, especializada na distribución de produtos galegos con denominación de orixe; e
o CIFP de Fene exporá VyS Fene S.L.S., de venta e servizos informáticos a empresas. Pola súa parte, os alumnos e alumnas do ciclos superior en Axencias de viaxes do CIFP A Farixa (Ourense), acoden á cita barcelonesa  para presentar Farixa-T S.L.S, simulación dunha empresa de compravenda de equipos informáticos, instalacións de redes e páxinas web; mentres que os estudantes de ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos do CIFP Compostela falarán do proxecto Hotel Compostela S.L.S. Tamén na liña dos ciclos formativos de Información e comercialización turísticas e de Axencias de viaxes, o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo exporá VPA TR@VEL S.L.S, que desenvolve actividades das axencias de viaxes maioristas e minoristas, e de outras actividades de apoio turístico.

Oportunidades internacionais

O programa FP SIMULA é unha das liñas do proxecto FP PLUS que  a Consellería de Educación está a desenvolver en aras da  innovación educativa  e o desenvolvemento de proxectos empresariais entre o alumando de formación profesional. Na actualidade  son doce os centros que participan no programa FP Simula coas súas respectivas empresas de simulación.

Os centros de toda España que aplican o programa de simulación forman unha extensa rede comercial  entre eles, comprando e vendendo os seus produtos e servizos. Esta rede está integrada así mesmo  en Europen, programa que reúne a todas as redes de simulación a nivel mundial e que actualmente participan Alemaña, Arxentina, Australia, Austria, Bélxica, Brasil, Bulgaria, Canadá, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Gran Bretaña, Holanda, Italia, Lituania, Noruega, Polonia, República Checa, Romanía, Suíza, Suecia, China e España.

Esta feira é a oportunidade para que os participantes que dende  os centros educativos crean e desenvolven as súas empresas, podan entrar en contacto directo cos seus clientes  tanto nacionais como internacionais.